GC Aberto

No pasamento do gran polímata de Galicia

Por admin | GCAberto | 11/05/2021

Comparte esta noticia

O Profesor Carro Otero foi unha criatura xenuinamente compostelá, coma a cuncha de vieira, o carallo vintenove, a torta de améndoas, ou o mesmo Apóstolo.

O doutor José Carro Otero
O doutor José Carro Otero | Fonte: asomega

Os mitos composteláns teñen a virtude de que, tendo sido fabricados nun irrelevante curruncho de Europa, transfórmanse en universais. Primeiro de xeito centrífugo, espallándose polo mundo, e logo centrípetamente, atraendo xentes de lonxe cara á nosa "Civitas Universalis".

No caso do Doutor Carro, esa forza centrífuga ía propulsada polo seu don de comunicador. Falase de bioloxía, antropoloxía, historia, ou anatomía, da tumba do Apóstolo, das artes dos menciñeiros, ou da caries nuns maxilares da época sueva, era quen de arrastrar á súa audiencia, sen máis axuda que unhas cuartillas que lle facían de guión, os seus coñecementos enciclopédicos e o seu sentido do humor pícaro e arroutado.

No caso do Doutor Carro, esa forza centrífuga ía propulsada polo seu don de comunicador

Fun alumno seu, e tomei no "scriptorium" das aulas da facultade apuntes en lapis de cores, daquela pizarra poboada de cromosomas luxuriosos en meiose, embrións máxicos que medraban e pregábanse, triángulos de Scarpa cen veces corneados, buratos nutricios do fémur, e rabos inquedos de espermatozoides. Percorrín a historia da medicina dende o Paleolítico á Escola de Salerno, dende o papiro de Ebers ao Códex Calixtinus, descubrín os segredos agochados nas pedras, os ósos e os santos nas igrexas, nos balnearios, mosteiros e castelos de Galicia, en excursións inesquecibles cun guía de voz grileira que nunca andaba xusto de folgos canto se trataba de ensinar.

Co tempo, fixen miña a frase de Letamendi "o médico que só sabe de medicina, nin medicina sabe", e que tanto exemplarizou o Profesor Carro. Abofé que aquel polímata sen fondo, conversador infatigable, contador de chistes e anécdotas, estará agora cun bo grupo de contertulios no outro mundo. Que se preparen para pasalo ben.

"O médico que só sabe de medicina, nin medicina sabe"

Autor: Xurxo Romaní de Gabriel

Son Xurxo Romaní, nacín na Coruña en 1966, e miña nai é de Neiras, parroquia de Sober. Estudiei medicina en Santiago, e a vida profesional levoume a saír do “Telón de Grelos”, e rematar facendo a especialidade de Dermatoloxía en Barcelona. Agora son médico dermatólogo no Hospital Parc Taulí de Sabadell, e profesor na Universidade Autónoma de Barcelona. Dende hai anos vou de cooperante aos campos Saharahuis de Tindouf. Hai quen di que son un chisco polímata, toco a gaita e a zanfona, gosto da música medieval, da música galega, e nas viaxes dáme por debuxar. Ás veces tamén escribo, con máis vontade que oficio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 xabier

Eu tamén fun alumno do profesor Carro Otero. Deume Bioloxía (citoloxía, embrioloxía e antropoloxía física), ademais das miñas primeiras prácticas co microscopio óptico, o microtomo e as tincións. Cando morren os mestres, xa falla pouco. Requiescat in pace,

1 Enrique Castro Rodriguez

Parabéns polo teu artigo.