A Xunta critica o ton "triunfalista" do Goberno central sobre a pandemia

O PSdeG prevén fronte á "confrontación" política e o BNG lamenta que a Xunta se dea conta agora do "autogoberno raquítico"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/05/2021 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu a petición propia no Parlamento galego para abordar a evolución da pandemia, que "non rematou", por iso, advertiu de que "transmitir a mensaxe de que está superada é contraproducente e perigoso", unhas palabras de reproche que estiveron dirixidas ao Goberno central.

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, responde nun Almorzo Socio-Sanitario de Europa Press, a 10 de maio de 2021
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, responde nun Almorzo Socio-Sanitario de Europa Press, a 10 de maio de 2021 | Fonte: Europa Press.

Así, e tras reprobar o ton "triunfalista" do Executivo central, Comesaña incidiu en que por esta motivo a Xunta insistiu en que o estado de alarma "non podía supor un punto e final" desde o punto de vista normativo. "Desgraciadamente este aparente interese do Goberno central de trasladar unha imaxe triunfalista, de fin de ciclo, non é real", recriminou o titular de Sanidade, quen apuntou que isto levou ás comunidades a ter que aplicar a "enxeñaría normativa" para seguir tomando medidas de restrición para xestionar a pandemia.

"Hoxe atopámonos sen estado de alarma, sen esa reforma (da lei orgánica) e cun recurso á nosa lei, porque nin lexislan nin nos deixan lexislar", reprochou Comesaña na comparecencia na que, na súa última quenda, e ante as críticas da deputada do BNG Montse Prado por falar desa forma e ao tempo pensar en grandes eventos con dez mil persoas, o titular de Sanidade defendeu pola contra que tamén ha que saír da "burbulla".

"Non podemos vivir na burbulla permanentemente, senón con normas, normativa e con instrucións", subliñou o conselleiro de Sanidade na que, ante a insistencia do deputado socialista Julio Torrado, dixo que a súa postura era a mesma que a do PP: "Estado de alarma, si" como paso previo á reforma da lei orgánica. "Se non hai reforma, estado de alarma, non", remarcou, preguntado por se apoiaría unha nova situación deste tipo, respecto da que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou un último recurso se a xustiza non avala as medidas aprobadas pola Xunta e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

"Lei orgánica si ou non?", devolveulle Comesaña ao deputado socialista, quen na súa primeira intervención lamentou as imaxes que se viron en varios puntos de España co fin do estado de alarma o pasado sábado, ante o cal o conselleiro de Sanidade defendeu o proceder dos galegos.

Torrado tamén se pronunciou neste sentido e destacou o comportamento dos galegos, "moito mellor se ven outros espectáculos". Con todo, sinalou que as situacións que se puideron vivir noutros puntos do Estado tamén poden estar vinculados a "discursos que alimentan a confrontación, o hooliganismo e o fanatismo e odio".

"Coa confrontación permanente pasa isto", avisou, antes de advertir de que "as administracións que traballan para vivir na confrontación non axudan a controlar a pandemia, aínda que algúns só pensen no curto prazo".

Ademais, na súa intervención, o deputado socialista recriminou que ao Goberno galego "non lle gusta nin o estado de alarma nin ir aos xulgados". "O que lles gusta é facer o que lles dea a gana e iso é inconstitucional", avisou o parlamentario, que a Xunta "está na confrontación" do aval xudicial ás medidas para xestionar a pandemia e á que lle convidou a redactar outra normativa que non "limite liberdades" constitucionais.

"Sorpréndeme a crítica tan exacerbada", continuou, pola súa banda, a deputada nacionalista Montse Prado, respecto do Executivo galego e o fin do estado de alarma. Así, lembrou que os populares dixeron que votarían "non" no caso de que o Goberno volvese levar a prórroga ao Congreso por "considerala unha ferramenta estéril".

Ademais, a deputada do BNG manifestou que "sorprende" que "tivese que chegar unha pandemia" para que a Xunta "se dése conta de que o marco autonómico non serve para solucionar os problemas galegos" e que hai que estar "a expensas do que diga Madrid, que case nunca o fai a favor dos intereses dos galegos".

Montse Prado concluíu, tamén, que o PP "parece que quere unha cousa, cando en realidade quere a contraria". "Estou convencida de que xa sabía que tiñamos escasas ferramentas para actuar, temos un autogoberno raquítico", salientou a deputada nacionalista, quen tamén mostrou a súa "sorpresa" pola "preocupación" polo aval xudicial a pesar do que a Xunta "publicou as medidas en tempo de desconto" e "logo ningunha présa por trasladalas ao TSXG".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta