Feijóo insiste en que hai que ir pensando en deixar de usar a máscara no exterior cando haxa inmunidade de rabaño

Ratifica que a postura da Xunta é mantela este ano en lugares pechados. Avanza que a vacinación a mariñeiros galegos comezará "en próximos días".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/05/2021 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que, se non hai retrocesos na "reapertura" e se cumpre o prognóstico do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que España está a cen días de alcanzar a inmunidade de rabaño (ao alcanzar o 70% de vacinados), é "necesario" abordar a retirada de máscaras no exterior e mantelas en lugares pechados.

Feijóo, tras o Consello da Xunta
Feijóo, tras o Consello da Xunta | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Un día despois de que Feijóo se mostrase "optimista" e avanzase a posibilidade de que os cidadáns puidesen "volver verse a cara" no verán, a finais de xullo ou principios de agosto, reafirmouse este mércores no seu "optimismo" sempre que se dean dúas condicións: que se poida avanzar na vacinación ao ritmo comprometido polo Goberno e non haxa retrocesos de incidencia.

O presidente galego incidiu en que, de acordo co que a Xunta "escoita" aos epidemiólogos e na liña dos pasos dados por outros países, a postura do Executivo galego é abordar a retirada da máscara no exterior cando haxa inmunidade de rabaño e que se manteña "todo o ano" en espazos pechados.

Preguntado acerca de se non ve contraditorio lanzar este tipo de mensaxes mentres membros do seu Goberno como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, censura o "triunfalismo" de Sánchez, o presidente esquivou unha resposta concreta e limitouse a apuntar que os compromisos do Executivo central "non se cumpriron con exactitude" nos últimos meses.

Aínda que "isto non significa que non poida acertar", o presidente galego subliñou que sobre a mesa hai, por exemplo, "moitos interrogantes" no que incumbe a vacinación. "Observamos un líio non menor con AstraZeneca, que Moderna non envía as vacinas que nos gustaría e tampouco Janssen", reflexionou, antes de indicar que, en todo caso, o Goberno central ten "máis información" e aludiu á inmunidade de rabaño en cen días.

Preguntado se cre que se é unha decisión que debería adoptar cada comunidade ou no conxunto de España, insistiu en que "o lóxico" é abordar a retirada das máscaras en espazos abertos cando se alcance "unha inmunidade de rabaño adecuada".

Máis aló, asegurou non poder predicir se o Executivo central se "arrogará" a decisión ou a fará recaer nas comunidades. "Tennos adoitados optar por calquera das dúas vías segundo considere oportuno", criticou, e puxo o exemplo das FFP2.

"Nós propuxemos abrir o debate sobre as FFP2, dixéronnos que non e agora vemos moitos membros do Goberno con FFP2. Moi coherente", esgrimiu Feijóo.

VACINACIÓN DOS MARIÑEIROS

O presidente da Xunta tamén avanzou que a vacinación contra a covid-19 a mariñeiros galegos comezará "de inmediato" en "próximos días".

Feijóo dixo que lle "gustaría" que chegasen máis vacinas de Janssen, dado que se van a usar "con carácter xeral" entre os mariñeiros que "embarcan en mareas superiores a unha semana" ao tratarse de só unha dose.

Remarcou que estes profesionais, "por razóns evidentes, teñen dificultades para a segunda dose que os pode pillar en alta mar". O obxectivo é que "queden inmunizados desde o primeiro instante".

Sobre este extremo, apunta que o Instituto Social da Mariña (ISM) empezou a pasar as listaxes de traballadores do mar. "Imos tentar empezar a vacinar a todas as tripulacións que embarcan nos próximos días e que van estar fóra faenando nas próximas semanas", asevera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta