A Xunta advirte dunha "saturación" nos servizos sociais pola "accidentada posta en marcha" do Ingreso Mínimo Vital

Pide ao Goberno central "vías de coordinación real" para superar "os defectos".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/05/2021 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Xunta reclamou ao Goberno, durante o Consello Territorial de Servizos Sociais deste martes, que estableza "vías de coordinación real" para superar "os defectos" do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xeral de Inclusión, Arturo Parrado, participan no Consello Territorial de Servizos Sociais
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xeral de Inclusión, Arturo Parrado, participan no Consello Territorial de Servizos Sociais | Fonte: Xunta.

Durante a reunión, na que participaron telematicamente a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, Galicia trasladou as súas "dúbidas" e "reclamacións" para axilizar a chegada desta prestación a quen a necesita.

Neste sentido, segundo informa a Xunta, Parrado destacou "a importancia" do IMV para as persoas que peor o pasan debido á crise socioeconómica da covid.

Por iso, incidiu na necesidade de que a súa tramitación sexa "áxil, accesible e eficaz", á vez que volveu reclamar o seu traspaso ás comunidades autónomas para "mellorar a súa xestión".

Precisamente, demandou un "mecanismo de compensación" para evitar que as persoas que transiten desde a renda de inclusión social de Galicia (Risga) ao IMV se vexan prexudicadas polos meses nos que compatibilizan ambas as prestacións "polos atrasos" na concesión da axuda estatal.

Ademais, o director xeral de Inclusión apuntou que a "accidentada posta en marcha" do Ingreso Mínimo Vital hai case un ano e as "sucesivas modificacións" na súa normativa xeran "saturación" nos servizos sociais básicos.

Por tanto, Arturo Parrado reclamou que o Goberno estatal incremente o seu financiamento, de modo que se poida facer fronte a un número de solicitudes que é "crecente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta