Por Galicia Confidencial | Cerceda | 31/10/2013 | Actualizada ás 09:25
O conselleiro de Medio Ambiente destacou onte que a Xunta traballa na mellora da capacidade de abastecemento de Cecebre mediante unha nova toma dende o lago de Meirama, co fin de resolver as carencias actuais e de futuro na área metropolitana da Coruña, polo que non cancelará este proxecto. Manifestou que "o Goberno responderá a todas as esixencias sanitarias e ambientais para cumprir ese obxectivo, sobre todo tendo en conta que a calidade das augas non impide o seu uso para o abastecemento".
O conselleiro destacou que estas afirmacións pode facelas baseándose "nos múltiples controis que está a realizar un grupo de investigación da Universidade da Coruña, polo que todos os resultados cumpren os parámetros da Declaración de Impacto Ambiental, incluído o niquel".
Explicou que o Goberno galego prevé duplicar a capacidade do sistema de abastecemento da área metropolitana da Coruña, grazas a construción dunha nova toma que aproveite as augas máis superficiais do lago artificial de Meirama. En total, aproveitaranse os 24 hm3 superiores dos 150 hm3 cos que contará o lago artificial, o que se traduce en multiplicar por dous a actual capacidade de almacenamento do encoro de Cecebre, que ten un volume de 21 hm3. Isto implica construír unha toma de auga no lago e conducir a auga captada á canle do río Barcés mediante unha condución hidráulica de 1,5 km de longo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.