Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 15:11
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniste na idea de que a máscara deixe de ser obrigatoria en espazos públicos nas vindeiras semanas. "Ten xa pouca relevancia no exterior" dixo este xoves sobre un debate ao que xa lle puxo data de caducidade. "Isto ten que quedar resolto a finais de xuño e principios de xullo", argumentou.
Feijóo destacou que esta retirada ten que ser gradual e tense que producir "cando as condicións epidemiolóxicas o aconsellen" e cando o número de vacinados e inmunizados sexa suficiente para evitar riscos. En todo caso, tamén insistiu en que a máscara debe ser obrigatoria nos espazos pechados ou nos interiores, así como no transporte público.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo defendeu a necesidade de deixar sen efecto o uso de máscara en espazos públicos en base aos datos sanitarios de Galicia. "Xa hai un 45% da poboación cunha dose e o 25% xa plenamente vacinada", destacou.
O presidente, ademais, reafirmouse nunha postura que xa manifestou nas últimas semanas: que no ámbito estatal sería preciso dialogar e tentar "concretar os parámetros" para retirar as máscaras en zonas ao aire libre e con pouca afluencia de persoas. "A medida que aumente a vacinación -destacou que en Galicia hai porcentaxe "alta"- e a inmunidade, e baixe a mortalidade teremos que diminuír o uso da máscara en espazos de menor risco", subliñou.
E no que respecta á competencia, insistiu en que é unha decisión que se debería pechar no ámbito estatal (apuntou ao Consello Interterritorial de Saúde), posto que se as comunidades adoptasen a decisión de forma "unilateral" esta podería ser recorrida polo Executivo central, que é quen dita a norma xenérica respecto diso.
MÁSCARA PARA CORRER NA PRAIA
Precisamente á norma estatal referiuse tras ser preguntado polo uso da máscara na praia, sobre a que, polo momento, dixo, non hai novidade. E no que respecta a empregala para facer exercicio físico como correr, defendeu que, no seu día, en Galicia decidiuse seguir o consello do comité clínico e impola posto que é nesta conxuntura "cando se producen máis aerosois".
"O relator foi un membro do comité que é neumólogo e corre maratóns. É moi difícil contradicir un criterio dun sanitario, científico e deportista cando todas as características conflúen na mesma persoa", esgrimiu Feijóo, para engadir que agora este asunto "vaise a debater". "Veremos se o comité autoriza ir sacando a máscara cando se fai exercicio físico pola rúa. (...) Imos deixar a ese neumólogo relator das máscaras que para nós é autoridade", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.