Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/11/2013 | Actualizada ás 11:45
Carme Varela, doutora en Química Orgánica, analiza neste artigo este problema.
O proceso coñecido como Drenaxe Ácida de Minería (DAM) é un dos problemas máis serios asociados ás actividades mineiras xa que pode contaminar con augas ácidas os ecosistemas e matar moitos organismos como consecuencia dun cambio de pH no seu hábitat. A auga ácida pode tamén incrementar o proceso de desgaste da rocha, disolvendo e liberando os metais pesados e o arsénico que están contidos nela. Estes metais pesados e arsénico poden ser aínda máis nocivos que a propia auga ácida.
As rochas que conteñen xofre (S), como por exemplo as piritas e arsenopiritas, cando son trituradas e expostas á auga e ó aire, liberan ácido sulfúrico. A composición da arsenopirita é 46% arsénico, 34.3% de ferro e 19.7% de xofre. Se este mineral está protexido e aillado das condicións ambientais é estable. Pola contra, se se tritura e expón ós axentes ambientais, o xofre en contacto coa auga e o aire, transfórmase en ácido sulfúrico provocando o proceso de Drenaxe Ácida de Minería. Esto pode ter lugar en calquera punto do emprendemento mineiro onde se atopen minerais que conteñen xofre expostos ó ambiente como son cortas, galerías subterráneas, escombreiras, estériles, etc.
Os metais pesados disoltos ó entrar en contacto co ácido sulfúrico producen precipitados de diferentes cores (amarelo, laranxa, vermello), o que resulta nunha característica moi singular desta fonte de contaminación da minería. Estas sustancias pódense extender varios kilómetros río abaixo da actividade mineira con efectos moi negativos para moitos organismos.
Cabe destacar que, dende que se inicia a actividade dunha mina, poden pasar varios anos antes de que se manifeste a drenaxe ácida (entre un ano e máis de unha década). Nembargantes, no momento no que esta drenaxe ácida comenza, resulta case imposible de parar xa que é un proceso irreversible. Mentras se proceden as reaccións químicas, a temperatura e acidez das augas aumentan, o que fai que se acelere máis a formación de ácido sulfúrico.
A Drenaxe Ácida de Minería é, polo tanto, un problema a longo prazo que pode durar centos e incluso miles de anos. Aínda que con técnicas de neutralización é posible paliar os seus efectos, resulta moi costoso xa que estas técnicas teñen que ser aplicadas por séculos. Por este motivo, cando se avalía un proxecto mineiro deberíase poder garatizar o monitoreo, control, manexo e tratamento da drenaxe ácida durante décadas ou séculos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.