Pontevedra quere ser a capital galega da petanca, unha disciplina "á alza" na cidade

O Concello vén de anunciar a creación de dez novas pistas para este "orgullo" na cidade: "temos unha liga que xa lle gustaría a outros".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Pontevedra, camiño de se converter na capital galega da petanca. A Concellería de Deportes do consistorio pontevedrés vén de anunciar a súa intención de dotar nos vindeiros meses dunha decena de novas pistas, ás cales destinará uns 120.000€ que irán destinados a erixir estas novas instalacións en distintos puntos da cidade neste mesmo 2021.

Operario ultima unha pista de petanca en Pontevedra
Operario ultima unha pista de petanca en Pontevedra | Fonte: cedida

Segundo destacou o tenente de alcalde, Tino Fernández os ‘petanqueiros’ pontevedreses poderán perfeccionar o seu lanzamento nas dúas novas pistas de Monte Porreiro --situadas nas inmediacións da igrexa--; outras dúas en Ponte Sampaio, en Acevedo e A Ballota; unha no barrio de Pontevedra Leste; unha en Marcón; unha en Salcedo, e outra en Estribela, “estando tamén en carteira, en función das opcións de parcela, a previsión de facer outra máis en Mourente”.

Tal e como destacou o concelleiro de Deportes, “a petanca é unha disciplina á alza” na cidade, xa que, segundo apunta, “ano tras ano vai aumentando o seu número de afeccionados e de xogadores” en Pontevedra. Por iso subliña que se trata dun “motivo de orgullo” e que, por riba, dá unha oportunidade aos pontevedreses de realizar deportes ao aire libre, unha circunstancia que, en temos de pandemia, suma unha ventaxa engadida.

CAPITAL DA PETANCA GALEGA

“Temos una Liga de Petanca cunha organización e unha afección que xa lles gustaría a moitas outras cidades e, en consecuencia, imos seguir contribuíndo ao seu crecemento con novas infraestruturas e co mantemento das xa existentes en perfectas condicións”, asegurou Tino Fernández a respecto da presentación desta decena de novas pistas.

Pontevedra conta nestes momentos con 15 pistas preparadas para albergar xogos de petanca e chave; que segundo o tenente de alcalde se reparten en Monte Porreiro (2), Mourente (2), Santa María de Xeve (2), San Andrés de Xeve (1), Verducido (1), Salcedo (1), Bora (2), Centro Sur (2) e os xardíns da Deputación (2). Asemade, hai outras tres xa en execución no barrio do Burgo, tralo Pavillón Municipal dos Deportes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta