Por Galicia Confidencial | Sada | 10/06/2021 | Actualizada ás 12:04
A iniciativa "Defende Meirás", a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña e o Concello de Sada chamaron á cidadanía a mobilizarse o 19 de xuño para que "a democracia entre por primeira vez no pazo de Meirás". Así o demandou o investigador Carlos Babío, portavoz da iniciativa Defende Meirás, durante unha rolda de prensa na que tamén participaron o alcalde de Sada, Benito Portela, e os integrantes da CRMH Aurora Paz e Manuel Pazos.
A marcha cívica, que levará a lema de 'O pazo para o pobo e para a memoria', comezará ás 12.00 horas e consistirá nun paseo polos xardíns de Meirás, rodeando as Torres, até chegar á fachada. Na súa intervención, Carlos Babío detallou que a manifestación está apoiada por máis de 50 entidades, que "queren romper coa impunidade do franquismo".
O grupo Tanxugueiras, e os actores Isabel Risco e Fernando Morán participarán no evento que cumprirá, segundo aseguraron os organizadores, coas medidas sanitarias. O cartel da iniciativa loce unha ilustración de Luís Davila. Babío explicou que pediron permiso á Secretaría de Estado de Memoria Democrática para acceder aos xardíns. "Non se entendería que non nos deixasen entrar, é un espazo público", sostivo.
Así, instou á participación "masiva" e pediu ás institucións públicas que acudan ao acto reivindicativo e festivo. "Nesas dez hectáreas a democracia aínda está pendente de entrar", salientou o historiador, que fixo un chamamento a que o pazo sexa un lugar de "recoñecemento ás vítimas do franquismo".
"NON SER MEROS CONSERXES"
Mentres, o alcalde de Sada, Benito Portela, avanzou que a súa intención é facer partícipes aos colectivos da memoria da xestión das visitas ao pazo, cuxos xardíns abrirán en torno ao 25 de xuño. "Non imos ser meros conserxes", subliñou. Tamén demandou a transferencia a Galicia e advertiu que "a situación é moi perigosa" en canto á protección dos bens mobles.
Así, reivindicou que as dúas premisas do goberno local foron desde a sentenza "abrir o pazo ao público canto antes e ?reservar a integridade do sitio histórico", polo que pediu á Xunta e ao Goberno que deixen xa o debate competencial e se incoe o expediente para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural aos bens.
"O Concello de Sada quedou só na demanda da totalidade dos mobles do pazo", lamentou Portela. Pola súa banda, Manuel Pazos puxo en valor que "vai ser a primeira vez que o pobo vai entrar en Meirás, e, por fin, vai pasar por encima de 40 anos de ditadura e recuperar a democracia".
Tamén, Aurora Paz atribuíu o "éxito" da devolución do pazo a moitos colectivos. "É fundamental para a xustiza democrática e para a memoria histórica. Debe ser un lugar de homenaxe ás vítimas do franquismo", recalcou. EFE
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.