Por Xurxo Salgado | Barcelona | 22/11/2013 | Actualizada ás 18:30
O fotógrafo galego Delmi Álvarez está seleccionado entre os 30 finalistas das 270 propostas recibidas para a 19º Fotopres "La Caixa" cun traballo sobre a megaminería e os perigos que ten o uso do cianuro neste tipo de actividades.
O xurado valorou moi positivamente a "calidade e o interese" destas 30 propostas finalistas e destacou a utilización de imagenes documentais como medio para investigar e comprender diversas realidades nun contexto contemporáneo.
O proxecto de Delmi Álvarez basease no impacto que os proxectos mineiros, sobre todo na busca de ouro, poden ter para a saúde e para o ambiente polo uso de cianuro. A maioría destas empresas mineiras, como a que quere intervir en Corcoesto, son de Canadá e traballa para inversores de todas as partes do mundo.
Nas súas imaxes, o fotógrafo galego tenta amosar, precisamente, os efectos que o uso do cianuro ou outros produtos químicos poden ter para labradores, pescadores, e moitas pequenas empresas das zonas onde haxa unha actividade mineira como esta.
Precisamente, como no caso de Corcoesto, a auga é unha das principais fontes de vida das áreas afectadas. As empresas mineiras utilizan a auga dos ríos no proceso de extracción do ouro. O uso de millóns de litros de auga mesturada con cianuro e outros metais pesados tóxicos para limpar o ouro poden contaminar amplas zonas.
Por iso, as súas fotos queren ser un alegato contra o que sucede en Corcoesto e Tapia de Casariego, Rosia Montana, en Kumovgrad, Bulgaria, Bergama, Kaz Dag, en Turquía ou Ierissos e Skouries en Grecia.
Dos 30 proxectos finalistas sairán os 5 proxectos gañadores, que serán anunciados durante o próximo mes de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.