Por X.M. Fernández | Ourense | 17/06/2021 | Actualizada ás 10:45
Durante os dous días que durou a feira, as adegas expositoras mantiveron un total de 687 citas de negocio programadas nas axendas (presenciais ou virtuais) ás que hai que sumar as que xurdiron con algunhas das 770 visitas de profesionais que se achegaron ata Expourense de forma presencial, xa que ademais da misión de importadores, participaron na feira profesionais da restauración, hostalería ou distribución do sector do mercado nacional.
O novo formato híbrido deste ano, adaptado á pandemia, contemplaba como novidade citas en liña, foi todo un éxito segundo a organización. En total, esta edición reuniu a compradores e importadores procedentes de 25 países.
As citas entre expositores e potenciais compradores foron o eixo central desta feira pero tamén cómpre salientar o completo programa de actividades entre as que destacaron as catas comentadas dos viños e licores gañadores dos Acios de Ouro ou Potes de Ouro das Catas Oficiais de Galicia 2020 organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria- AGACAL. Na segunda xornada do salón --martes 15 de xuño-- foi tamén o momento elixido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia --EVEGA--, para presentar o seu novo monográfico sobre a “Mencía”, a uva raíña das tintas en Galicia, xa que é a máis cultivada --coa maior parte da produción repartida entre as provincia de Ourense e de Lugo--, e que está chamada a ser a nova gran uva tinta de España nun mercado internacional que xa coñece o Tempranillo e que busca outras variedades tintas distintas vinculadas ao terruño, como é o caso da Mencía.
PREMIOS DA 2ª CATA EXTRAORDINARIA 'OURENSE VINIS TERRAE'
Durante o acto de clausura foron entregados os premios da 2ª edición da Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae á que as 69 adegas expositoras presentaron 120 referencias.
A cata estivo dirixida pola recoñecida catadora galega Mercedes González e que contou cun panel de 12 expertos entre os que se atopaba o presidente da Federación Española de Asociacións de Enólogoes/Enólogos, Luís Buitrón, e representantes da Asociación Galega de Enólogoes/Enólogos, das asociacións de catadoras de Galicia Gallaecia e Agasu e da Asociación Galega de Catadores, así como outros expertos de fóra de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.