Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2021 | Actualizada ás 11:19
A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, dirixiuse aos manifestantes pola devolución do pazo de Meirás, no municipio de Sada, para agradecerlles a súa "loita" e "impulso", que facilitou "todos os pasos dados".
Calvo recoñeceu o seu traballo este sábado ás portas do pazo, onde tivo lugar a firma do protocolo xeral de coordinación temporal de actuacións entre o Goberno do Estado e demais institucións colaboradoras. Procedeuse ademais á inauguración oficial dos xardíns do lugar.
Á súa chegada, Calvo achegouse á vintena de manifestantes que esixían a devolución de Meirás ao pobo, así como a creación no Pazo dun centro de memoria das vítimas do franquismo en Galicia.
A vicepresidenta lembroulles os "pasos dados, como a exhumación do ditador", e agradeceulles o seu "impulso" en todo o proceso, "sen o que non sería posible todo o conseguido". Con todo, recoñeceulles que "queda moito por facer", aínda que "se fixo moito en pouco tempo".
No acto estiveron presentes, ademais da vicepresidenta, o secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o rexedor de Sada, Benito Portela.
DERROGAR A LEI DE AMNISTÍA
Calvo sinalou que "aproveitando o impulso dado polas asociacións memorialistas", o Estado puido "ir aos tribunais para reclamar a volta do pazo ao patrimonio público galego e español". "Do que se trata aquí é de preservar a verdadeira memoria do que ocorreu e o que foi isto, a residencia de verán dun ditador, e niso temos que seguir traballando xuntos", interpelou aos manifestantes a tamén ministra de Memoria Democrática.
Ante isto, un dos manifestantes, Manuel Monge --histórico representante do movemento memorialista e preso franquista--, confirmou as ganas das vítimas do franquismo de "acabar con todo o que quede da ditadura", o que inclúe devolver o pazo de Meirás e a Casa Cornide (A Coruña), "pero tamén a lei de amnistía".
Así, solicitoulle ao Executivo central a "derrogación da lei que impide que os crimes franquistas sen xulgados". "É vergoñoso que teñamos que ir a Buenos Aires para que os criminais sexan xulgados", lamentou Monge.
"QUEDA MOITO POR FACER"
A vicepresidenta primeira concedeu que "queda moito por facer" pero pediulles aos manifestantes que "se paren e vexan o que se conseguiu en tres anos". "Contra todo prognóstico, conseguimos exhumar ao ditador do Valle e los Caídos, un lugar de enaltecemento, e devolvemos Meirás ao patrimonio público", explicou Calvo.
Monge, pola súa banda, valorou "positivamente" o esforzo realizado polo Executivo socialista, pero indicou que as asociacións "seguirán loitando". Neste sentido, a vicepresidenta sinalou que a futura lei de Memoria Democrática "abrirá un debate moi interesante no que hai que saber por onde se move cada un, quen estarán a favor e quen en contra" e reiterou o seu agradecemento ao "esforzo calado" dos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.