Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 14:44
O Concello de Sada recibiu unhas 300 solicitudes para visitar os xardíns do Pazo de Meirás unha vez sexan reabertos ao público. O elevado número de peticións motivou a ampliación dos días para celebrar visitas guiadas ao complexo recentemente recuperado tras o proceso xudicial contra os herdeiros do ditador Francisco Franco.
A reapertura do pazo producirase este xoves 1 de xullo, aínda que ata o vindeiro sábado non poderá ser visitados polo público xeral, xa que a administración local decidiu reservar esas xornadas para convidar a vítimas do franquismo, familiares de ejectuados, asociacións memorialitas, familiares de Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda e historiadores.
Todos eles participarán nas visitas guiadas que, durante unha hora e media, percorrerán a leira cun repaso sobre a súa orixe e evolución, na que destacan dous momentos históricos: a época da escritora Emilia Pardo Bazán coa construción das Torres de Meirás e o paso ao patrimonio do ditador para usar o pazo como residencia de verán.
"Non son todas as asociacións nin todas as persoas vítimas do franquismo as que poderán acceder nestes primeiros tres días de visitas debido á cota dos grupos polas medidas covid pero nos próximos días seguiremos contactándoos para visitar o Pazo de Meirás, lugar simbólico de recuperación da memoria histórica, despois de ser recuperado e incorporado ao patrimonio público", remarca o goberno municipal nun comunicado.
Así as cousas, e ante a alta demanda de solicitudes para participar nas visitas guiadas, o Concello de Sada, que encabeza o rexedor Benito Portela, acordou ampliar en catro días esta posibilidade, que poderá facerse desde o domingo 4 ao tamén domingo día 11 de xullo.
Ademais, o sábado terá lugar unha visita institucional aos xardíns á que se convidará a "todas as persoas" que formaron parte das distintas corporacións de Sada entre a actualidade e o 2007, ano no que se aprobou un acordo plenario no que se instaba á Xunta a declarar Ben de Interese Cultural (BIC) ao Pazo de Meirás, que goza desta consideración desde 2008.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.