Allariz fomenta a compostaxe e o consumo responsable de auga

O concello, en colaboración con ADEGA e coa concesionaria do servizo de auga, Espina & Delfín, está a desenvolver diferentes accións de concienciación entre a veciñanza. Trátase de poñer en valor a separación do lixo e o aforro de auga para adiantarse ás situacións de seca.

Por X.M. Fernández | Allariz | 21/07/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz continúa coa campaña posta en marcha no mes de maio xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA para fomentar a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, centrándose ademais na compostaxe. A iniciativa conta tamén coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Presentación da campaña de concienciación “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación da campaña de concienciación “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. Foto: Prensa Concello de Allariz

No desenvolvemento desta acción faranse charlas nas diferentes parroquias alaricanas sobre reciclaxe, utilización dos composteirose e visitas porta a porta para sensibilizar á veciñanza da contorna sobre a importancia da separación dos diferentes tipos de lixo. 

Ademais da propia información que se exporá sobre a utilización do composteiro e sobre a reciclaxe, tamén se indicarán os pasos precisos para obter un composteiro de balde, que servirá para o aproveitamento dos restos de alimentación.

CAMPAÑA DE CONSUMO RESPONSABLE DE  AUGA

“Está na túa man, pecha a billa cando toca”, así se presenta outra campaña que, neste caso, ten como obxectivo concienciar á veciñanza e anticiparse ás situacións de seca.

Nesta acción, impulsada polo Concello de Allariz, colabora tamén Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga.

Segundo explican dende o concello "a escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para estes meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable".

Actualmente, a capacidade dos embalses da comunidade galega aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase nun 62,8 % en Galicia-Costa nun 76 %.

CONSELLOS PARA O AFORRO

Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Aconséllase tamén reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos, regar os xardíns e pechar a chave de paso de auga da vivenda cando se vai de vacacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta