Por X.M. Fernández | Ribadavia | 27/07/2021 | Actualizada ás 09:50
Foi unha edición especial, de recuperación internacional e cautela, onde a incerteza e o compromiso estiveron moito máis presentes. O público, acostumado ás votacións telemáticas, ao desaloxo ordenado do Auditorio por tramos e seguindo os protocolos do Plan de Continxencia da MIT ante a COVID-19, valorou a diversidade de espectáculos e a oportunidade de reflexionar sobre eles de novo nos foros da MIT, un formato de mediación plenamente consolidado no festival.
O gañador do 1º Dramiturga foi Roi Vidal Ponte, co texto “Noite Castelá”, que publicará nun libro colectivo a Asociación DramaturgA, xunto coas seis versións da peza que realizaron os dramaturgos participantes do proxecto.
“Déjà vu”, de Manolo Alcántara --Cataluña-- e “Cris, pequeña valiente” --Andalucía-- foron as propostas que alcanzaron os Premios do Público desta edición da MIT 2021. Os espectáculos “Los que hablan” e “Bailar agora”, quedaron en segundo e terceiro lugar, respectivamente. Co resultado final das votacións, evidénciase a valoración do público á diversidade de estilos e xéneros, pois prémiase o novo circo, os monicreques, a danza e o teatro textual.
A MIT seguirá apostando pola esixencia, a non cancelación de todo canto se poida levar a cabo e imaxinar, pola calidade fronte á cantidade e a distinción da coherencia e do risco. Segundo cren na organización, todo o anterior "permite o debate, alenta a crítica e fomenta os valores de respecto e convivencia". E engaden "cada vez é máis importante reafirmar os valores comunitarios e a MIT seguirá sendo ese festival popular e reflexivo onde recalar por un tempo prolongado para vivir unha experiencia concentrada de innovación e apertura, fronte aos individualismos e a insolidaridade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.