A refinaría de Repsol na Coruña finalizará o ERTE o 1 de setembro, un mes antes do previsto

A empresa vincula o adianto "ás expectativas de mellora da demanda de combustibles polo incremento da mobilidade e a previsible recuperación parcial do mercado".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 27/07/2021 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

Os 112 traballadores da refinaría de Repsol na Coruña que estiveron de forma descontinua e en distinto grao en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) verán finalizada esta medida desde o 1 de setembro, un mes antes do previsto.

Repsol A Coruña
Repsol A Coruña | Fonte: Repsol.

Así llo comunicou este martes a dirección de Repsol aos representantes dos traballadores, no seo da Comisión de Seguimento do ERTE e aos propios traballadores do complexo industrial da Coruña, así como a distintas autoridades.

Desde que a principios de maio Repsol e os sindicatos alcanzaron un acordo sobre o ERTE na refinaría da Coruña, que rebaixou de 212 a 112 o número de traballadores afectados, a empresa indicara que revertería a medida no momento en que as previsións do mercado mellorasen.

Repsol subliña que ningún dos 112 traballadores afectados polo ERTE alcanzou o 100% de incidencia na súa xornada laboral. Agrega que están a percibir un complemento que mellora as prestacións por desemprego, ata alcanzar o 85% das percepcións brutas.

A empresa vincula o adianto na finalización do ERTE "ás expectativas de mellora da demanda de combustibles polo incremento da mobilidade e a previsible recuperación parcial do mercado, asociados ao avance no ritmo de vacinación", aínda que recoñece que non se produciu "aínda unha plena recuperación da demanda".

A empresa indica que a incorporación dos traballadores en ERTE permitirá preparar as dúas unidades sen actividade para a súa futura posta en marcha.

A CIG, CONTENTA PERO CRÍTICA

A CIG emitiu un comunicado no que avalía "positivamente" o levantamento do ERTE desde o 1 de setembro, aínda que ve "moi negativa" a aplicación desta medida. "A deriva de confrontación que emprendeu a nosa empresa en contra dos seus traballadores é, cando menos, vergoñosa e miserable", repudia.

Nun comunicado, o sindicato nacionalista advirte de que se non se producen investimentos, o futuro da refinaría na Coruña "vai ser moi negro". Cren que son precisos proxectos de adaptación ao novo marco regulamentario derivado da Lei de Transición enerxética para lograr "a viabilidade necesaria" para manter os postos de traballo.

REPSOL DEFENDE OS INVESTIMENTOS

No entanto, Repsol expón que segue avanzando nos seus plans de "transformación industrial" na Coruña, no marco da transición enerxética na que está inmersa desde hai anos, e en liña co Plan Estratéxico 2021-2025 da compañía.

Para levalo a cabo, asegura destinar máis de 140 millóns de euros nos dous últimos anos á mellora das instalacións, a iniciativas para a innovación con proxectos de dixitalización e ao incremento da súa competitividade, como a nova planta de propileno inaugurada este ano, así como iniciativas ambientais e de eficiencia enerxética centradas na redución de CO2.

A iso suma os 126 millóns de euros que Repsol está a destinar ás novas instalacións loxísticas no Porto Exterior de Punta Langosteira, que di, permitirán a xestión dos novos produtos e os tráficos de materias primas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta