Contacto coa vida

Anxos Sumai devolve en A lúa da colleita, premio García Barros 2013, a emoción da vida e rezuma boa literatura. Crítica de Xosé Manuel Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 30/12/2013 | Actualizada ás 23:03

Comparte esta noticia

Título: A lúa da colleita

Anxos Sumai
Anxos Sumai | Fonte: inmaculadadecepcion.blogspot.com

Editorial. Galaxia

Desde a súa aparición, cunha progresión constante que as novas formas de lecer acentuaron, as historias cinematográficas ocupan unha parte moi  grande do imaxinario ficcional. E dentro dese imaxinario ficcional son moi frecuentes as historias protagonizadas por algunha caste de axentes da lei ou heroe ao caso, de xeito que para moita xente a ficción equivale á sucesión de imaxes e son que a pantalla verque convertidos en historias protagonizadas por personaxes especiais que case nada teñen que ver coa vida do espectador á parte das horas de lecer que lle proporciona. Como consecuencia, en moita xente obra que só pensar nas historias do lecer equivale a deixar de pensar nas historias do real. Como se a vida real, a de todos os días, a vida cotiá non atesourara momentos ou situacións certamente difíciles de transitar, como se aí non houbera emoción e para tela haxa que agardar a que o heroe catódico resolva por fin o espantoso crime do comezo do filme.

Neste contexto, novelas como A lúa da colleita, premio García Barros 2013, devólvennos a emoción da vida, reconcíliannos coa vida e coa boa literatura. En grande parte a novela é a personaxe bipolar central, Nuria ou Bet. Nuria, que na procura da soidade perfecta que lle permita recompoñer as fisuras abertas na súa mente ás visións e sensacións estrañas que lle condicionan  o vivir até facerllo imposíbel, muller sen malicia que sente paixón pola pintura e regresa a un pobo da costa galega onde todos a recoñecen mais para ela é como se os vira por primeira vez. E Bet, a manipuladora Bet, a cruel Bet, para quen o seu corpo é obxecto, contido e finalidade dunha obra que plasma en performances. Cómpre aquí sinalar que é Nuria quen procura reconducir a súa vida pola normalidade, e non Bet, o cal resulta moi significativo sabendo a personalidade de cada unha. Deste xeito, a novela convértese nunha reivindicación desas persoas que pasan apuros para integrarse na vida, toda vez que a súa percepción do real non concorda coa da maioría da xente; comezando porque sería un grave erro alcuñalos de diminuídos psíquicos; pois se Nuria pretende reintegrarse na”normalidade” e para iso procura a soidade perfecta desde a cal estiñar as rachaduras que a lonxan do mundo da demais xente, convén lembrar que Bet non experimenta esa necesidade.

Moi atenta ao mundo das sensacións e os sentidos, como é lóxico agardar nunha novela que tematiza a percepción do real, esta tamén polariza, como era de agardar, realismo e delirio. Non como dúas entidades absolutamente opostas senón como dous accidentes da mesma materia vivíbel. Sendo así que ás veces o lirismo pode ser considerado como ponte que as achegue, mais non é ese o principal cometido do lirismo senón expresar o mundo interior das personaxes e, por outra banda, nunca pretende ser unha novela lírica senón acoller os seus posíbeis contributos. Para comprender mellor isto cómpre sinalar que as personaxes da novela tenden a estar moi relaccionadas co mundo da arte, pois alén de Nuria/Bet tamén Induvina (pintor) e Vidal (ex-arquitecto e agora fotógrafo) viven ese mundo, e os dous presentan tamén deosordes vitais; Vidal nesa manía cumpulsiva de amorear obxectos, primeiro, e despois fotografalos como medio de posuílos, e Induvina porque precisa os estímulos de Bet aínda que o anulen como persoa. E non só iso, senón que outras personaxes, como Happy, botan man de alucinóxenos ademais de que xa a propia vida se ocupou de distorsionar a súa percepción da realidade ao levala a      que se exprese en varias linguas. O su mozo, Lois, músico que traballa como repartidor, nesta ponte de personaxes entre o delirio e o real, sitúase no extremo mais achegado á normalidade das outras perosnaxes que, cando Nuria chega á vila, a recoñecen aínda que para ela é como se fose a primeira vez.

Eis, pois, unha novela cunhas personaxes exquisitamente deseñadas, con toda delicadeza e con toda contundencia, coa delicadeza que presta a sensibilidade e coa contundencia que fornece querer representar a vida tal e como é, lonxe de convencionalismos ficcionais ou imaxinarios ad hoc. Contada tamén con delicadeza e contundencia, coa delicadeza de quen entende ou quere entender as personaxes e o seu mundo, e coa contundencia de quen sabe que aforrar o dramatismo sería mentir. O cal é o mellor camiño para que quen le empatice rapidamente tanto con quen conta como co que é contado, de xeito que abandonar ou pospoñer a súa lectura representa un revelador problema porque a novela se convertiu nunha auténtica celebración da vida, nunha engaiolante celebración da vida, da vida real, que non precisa de aditamento ningún para amosarse emocionante e emocionada. E así se percibe na lectura.

A polarización entre Nuria e Bet, nesa loita polo control da vida, esa cousa que pasa mentres nós tentamos dominala, dá pé a moitas situacións que, da man dos simbolismos presentes no discurso, comezando polo propio título, tentan para establecer unha estrutura baseada niso. Porén, é a vida. Así que non agardes, lector, lectora, que mentemos instantes especialmente densos ou climáticos. Non, porque cando estes están tan ben contados calquera deles, todos eles, contan co seu propio clímax; igual que a novela no seu conxunto non precisa estudadas planificacións na administracións da información que creen suspenso, pois a vida non remata, non hai clímax ningún na morte, a vida cotinúa sempre, importando moi pouco cando, en que momento ten o seu individual fin. As interrupcións para quen importa é para quen le, que perde a ocasión de continuar disfrutando dunha narración de moi alta calidade; en poucas ocasións vida e boa literatura se reconcilian, camiñan de mans dadas con tanta emoción humana e literaria como nesta novela de Anxos Sumai; en poucas ocasións unha novela chega tan dentro de quen a le; como en raras ocasións sucede, A lúa da colleita chega para un quedar definitivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pilar Conde

Comparto o que acabo de ler e considero que esa percepcion da realidade diferente á da maioría está moito máis presente na sociedade do que cremos.