Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/08/2021 | Actualizada ás 10:54
O comisario xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña, Pedro Agudo, indica que foron entre 6 e 8 persoas as que participaron "na conxunción de golpes" a Samuel Luiz, pelexa na que non teñen acreditado que tomase parte a muller que foi arrestada, e cre que pode haber "máis detencións".
Tras o levantamento do segredo de sumario, o comisario que a encabeza asegura, nunha entrevista con Efe, que o obxecto intervido na casa dun dos detidos polo crime do 3 de xullo é unha "especie de navalla" coa que a vítima puido ser golpeada.
P. Haberá máis detencións?
R. A investigación segue aberta. Temos que analizar o envorcado dos teléfonos, ver dilixencias que nos quedan por realizar. En concreto, tivemos unha testifical nova o luns, que nos pode dar información doutras persoas que poden estar implicadas. Creo que si que pode haber máis detencións.
P. Cantas persoas participaron na agresión?
R. Entre seis e oito persoas, no que é a conxunción de golpes. O que pasa é que había moita xente que se desprazaba coa turba, que estaba por curiosidade, por morbo. Non avisaban á Policía, pero movíanse coa agresión.
P. A muller detida non participou na agresión?
R. Ela golpea, empuxa, separa e non permite que a acompañante de Samuel o defenda e tente protexelo. Temos esa conduta, pero non temos acreditado que ela participe na agresión.
P. Teñen identificadas a todas as persoas que participaron na malleira?
R. Temos identificadas a todas as persoas que participaron, pero aínda temos que individualizar algunha das condutas. Os principais están detidos.
P. Hai un obxecto metálico intervido na casa dun dos menores...
R. Si. E concorda cunha das feridas de Samuel.
P. Que é?
R. Unha especie de navalla cunha punta compatible cunha das feridas que ten Samuel.
P. É unha ferida de arma branca?
R. Non.
P. Púidoselle golpear a cabeza con ese obxecto?
R. Si. Estamos a esperar a análise de ADN.
P. O ADN dun dos detidos localizouse na cara de Samuel?
R. Do primeiro detido achouse na célula epitelial do rostro de Samuel. Foi por varias puñadas. O detido número dous faille un "mataleón" (sorpréndeo por detrás para rodear o seu pescozo) e consegue tiralo ao chan. Nese momento, o agresor número un ponse ao carricho encima do corpo de Samuel e golpeouno cos dous puños na cara.
P. A agresión foi en tres fases?
R. Si. A primeira parte é na filmación. Aí prodúcese a agresión primeira do número un, o "mataleón" do número dous e a agresión dos dous. A segunda fase é cando se van movendo cara á Avenida de Buenos Aires 2, onde xa lle van golpeando varios. A terceira é o punto final onde perde a conciencia e a última fase do posible asasinato. Ibrahima cóbreo todo o tempo e axúdalle a cruzar a rúa.
P. Samuel pedía axuda?
R. Si, tapábase a cara, pedía axuda e soamente quería fuxir, quería escaparse do lugar.
P. Os agresores víronse posteriormente?
R. Reuníronse unha hora e cuarto nun parque público da cidade, non todos pero si os máis importantes. Sabemos que falaron porque temos unha testifical da reunión que nos achega o contido da conversación.
P. Xa sabían que mataran a unha persoa?, trazaron un plan?
R. Non, comentaron a agresión, pero non falaron de plan, nin houbo arrepentimento. Non tiveron en ningún momento ningunha mala conciencia polo que fixeran, nin remorso.
P. Que contido borraron dos seus móbiles?
R. A autorización xudicial abarca a copia espello do teléfono. Con esta, pódese realizar a análise de todo o seu contido. Soamente en fotografías levamos nalgún teléfono máis de 3.000 ou 4.000. É un traballo longo, que temos que facer con equilibrio.
P. Quen lle chamou maricón?
R. O detido número uno no primeiro asalto.
P. Tamén lle dixeron "vouche a matar"?
R. Non temos recollido no atestado iso. Soamente o insulto.
P. Como definiría o perfil dos agresores? Dicía que non eran delincuentes ao uso?
R. Non o son. A estrañeza do caso, o antes e o despois, é que non falamos de delincuentes habituais ou profesionais. Son amigos dunha cuadrilla na que un dos menores ten un antecedente que non ten nada que ver cun delito contra a vida. Estamos ante unha situación de máxima agresividade e violencia. Probablemente teñamos que facer unha reflexión profunda.
P. Como identificaron aos agresores?
R. As cámaras da Plataforma (o pub) son moi importantes pola súa nitidez. Dan a fisionomía e a identificación nominal e funcional das persoas. A isto súmanselle posicionamentos telefónicos, o vídeo das cámaras de seguridade e o que acheguen as empresas privadas na fase final da agresión. Con isto e as testificais temos practicamente esclarecido o caso.
P. Foron identificados pronto?
R. Entre o domingo pola noite e o luns pola mañá xa tiñamos á metade dos detidos identificados. O luns á hora para comer tiñamos practicamente a todos.
P. A investigación foi difícil?
R. Foi moi complicada. Esclarecer este caso en seis días coa presión social que había deunos moitísimo traballo. Traballamos 17 horas diarias. Foi o caso máis complicado ao que me enfrontei, xunto co do asasino do Sena -descortizou á súa esposa e foi cazado 22 anos despois- e o violador da burundanga -narcotizaba a mulleres para cometer abusos-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.