Por Europa Press / Redacción | O Grove | 11/08/2021 | Actualizada ás 14:31
"Manter O Grove no nivel máximo de restricións de covid é unha decisión política, non sanitaria". Así de tallante se mostrou o alcalde do concello, José Cacabelos que valorou de forma "moi negativa" as decisións sobre a evolución epidemiolóxica tomadas polo Comité Clínico este martes. "A etiqueta é unha laxa, un estigma", denunciou.
E é que O Grove é o único concello galego que permanecerá no nivel máximo de restricións a partir deste sábado, cando as novas medidas entren en vigor.
Como consecuencia desta situación, no Grove, os locais de lecer nocturno só terán servizo de terrazas con capacidade ao 50 % e ata as 1,00 horas, e o resto de hostalaría poderá ocupar o 30 % da súa capacidade en interior (con requirimento de certificado Covid aos clientes) e o 50% en terrazas. Igualmente, as reunións de grupos de persoas limitaranse a 6 en interior e 10 en exterior, e non se permitirán reunións de non convivientes entre as 1,00 e as 6,00 horas.
"Síntoo, pero os argumentos dados polo conselleiro de Sanidade non me valen", insistiu Cacabelos sobre as explicacións ofrecidas este martes por Julio García Comesaña, que cualificou de "indignantes".
O rexedor municipal lembrou que son tres --O Grove, Sanxenxo e Viveiro-- os concellos que superan os 500 puntos de incidencia acumulada a 14 días e que están por baixo dos 250 a sete días, "pero o único que non baixa de nivel é O Grove".
"Cando lle pregunto ao conselleiro dime que a nosa evolución é positiva, pero que Sanxenxo ten unha lixeiramente máis favorable, que achaca a brotes, vínculos familiares, etc. Criterios subxectivos e non meramente obxectivos como son os datos", apuntou Cacabelos, que lamenta a "laxa" coa que carga agora O Grove.
"A pesar de presentar datos similares, somos os únicos en nivel máximo e iso, por moito que o conselleiro diga que as medidas son parecidas ás do nivel alto, é un estigma, unha laxa para a xente que xa se pensa se vir ou non. Estamos marcados como punto negro de Galicia", denunciou o alcalde.
Neste sentido, José Cacabelos sinalou que algúns hoteis locais, ao pouco tempo de comparecer Comesaña este martes en rolda de prensa, recibiron múltiples mensaxes de turistas preguntando se se podería visitar O Grove esta fin de semana --"a fin de semana grande de agosto"-- e se deberían cancelar, entre outras cuestións.
SANIDADE DEFENDE A SÚA POSTURA
Sanidade defendeu a decisión do comité clínico de manter ao Grove no nivel máximo de restricións, posto que a súa situación é "obxectivamente peor que a de Sanxenxo, tendo en conta tanto as incidencias axustada como as incidencias sen axustar".
O departamento da Xunta contesta así as declaracións do alcalde do Grove, José Cacabelos, a Europa Press nas que tachaba a decisión de "política" e non "sanitaria", e dicía non entender que só o seu municipio permanecese no nivel máis alto, e non Sanxenxo ou Viveiro "con datos similares".
A Consellería sinalou que O Grove ten unhas taxas de incidencia axustadas a sete e catorce días de 178,6 e 572,4 casos novos por cen mil habitantes respectivamente, mentres que en Sanxenxo estas taxas son de 136,4 e 539,2, respectivamente.
"As decisións tómanse tendo en conta as incidencias pero tamén se teñen en conta outros factores como é a evolución dos casos e, nese sentido, a evolución de Sanxenxo é claramente máis favorable", argumentou Sanidade.
A Consellería xustificou isto mediante a razón de taxas, que compara as incidencias dunha semana respecto da semana anterior. Así, a razón de taxas de Sanxenxo é de 0,34 a sete días e de 0,55 a 14 días, mentres que as do Grove son de 0,45 a sete días e de 0,52 a 14 días.
"É dicir, o comportamento das taxas ao longo destas últimas semanas é sensiblemente mellor en Sanxenxo que no Grove, sobre todo a evolución das taxas a sete días, que reflicte mellor a evolución máis recente nos concellos", insiste o departamento do Executivo autonómico.
Por último, respecto da corrección das taxas, Sanidade subliñou que "non ten nada que ver coa poboación de cada un dos concellos", senón do risco hospitalario. "Este factor calcúlase de forma diaria e é o mesmo para todos os concellos de Galicia, polo que non inflúe á hora de comparar as incidencias dun municipio fronte a outro", destacan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.