Por E.P. | Pontevedra | 12/08/2021 | Actualizada ás 16:45
A Deputación de Pontevedra brindou este xoves unha recepción no Palacete das Mendoza aos deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos de Tokio: Teresa Portela (medalla de prata en piragüismo), Nico Rodríguez (bronce en vela), Rodrigo Corrales, (bronce en balonmán), Antía Jácome (diploma en piragüismo) e Támara Echegoyen (diploma en vela).
Non puideron asistir pero tamén foron recoñecidos Rodrigo Germade (prata en piragüismo), Iván Villar (prata en fútbol), Nikolv Sherazadishvili (diploma en judo), ademais de Tamara e Alberto Abalde, María Bernabeu, Francisco Garrigós e Javi Gómez Noya.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladoulles o agradecemento de toda a provincia. "Sodes o mellor que ten esta sociedade", afirmou, e destacou que "unha sociedade que queira construír un bo futuro para a súa xente ten que recoñecer ás e aos mellores dos seus".
Os olímpicos da provincia asinaron no Libro de Honra da Deputación e recibiron un agasallo da institución. Todos eles coincidiron en recoñecer o valor e o legado da traxectoria de Teresa Portela, unha deportista referente que recalcou que a importancia non é só das medallas senón tamén da "cantidade de esforzo, de horas investidas, de anos de sacrificio" e deixou claro que "unhas veces se conseguen e outras non". "Pero o importante son os valores que queremos mostrar, é o traballo que hai detrás", sostivo.
Pola súa banda, Nico Rodríguez agradeceu o poder xuntarse cos seus compañeiros e fixo especial mención a Tamara Echegoyen "unha gran líder para o equipo de vela que nos axudou moito".
O gardameta da selección de balonmán, Rodrigo Corrales, puxo en valor o feito de que "na provincia de Pontevedra haxa tantos deportes, tantos grandes deportistas e tantos adestradores de base, o que permite que xente como nós esteamos hoxe aquí". Ademais, afirmou que os deportistas de elite deben "seguir sendo inspiración da mocidade, apostar pola base, pola igualdade e a integración para que nos próximos anos sexan moitas máis persoas da provincia as que participen nos Xogos Olímpicos".
Antía Jácome mostrouse feliz durante o acto. "Eu acabo de empezar neste mundo e é unha honra poder compartir isto con persoas que son un exemplo para min e para deportistas do mundo enteiro", destacou. Tamén falou Támara Echegoyen, quen é consciente de que "o importante do deporte son os valores que transmite e educar con eles".
Nestas olimpíadas, nas que Galicia enviou máis deportistas ca nunca, a provincia de Pontevedra tivo unha forte presenza (con 12 deportistas) e destacou pola súa participación ao conseguir cinco das sete medallas galegas (tres delas de prata e dúas de bronce) e tres diplomas olímpicos. Neste sentido resalta Cangas, un lugar ao que foron parar catro dos metais olímpicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.