Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/08/2021 | Actualizada ás 21:51
“Os síntomas persistentes son comúns despois da covid-19, especialmente en pacientes hospitalizados en comparación con pacientes ambulatorios (52,3% fronte a 38,2%)”. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado por un grupo de científicos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) con pacientes da área sanitaria de Vigo infectados co coronavirus SARS-CoV-2.
Son moitos os superviventes de covid-19 que describiron síntomas a longo prazo despois da enfermidade aguda, o que se coñece como covid prolongada ou persistente. Trátase dun grupo heteroxéneo de máis de 200 síntomas descritos despois da fase aguda de covid-19.
A maioría deles están relacionados coas vías respiratorias (dispnea, tose, dor no peito), pero tamén afectan a músculos e articulacións (artralxia, mialxia), sistema nervioso (alteracións do gusto ou do olfacto, dor de cabeza, dificultade de concentración) e fatiga ou perda de cabelo, entre os máis informados.
As comorbilidades máis comúns entre os pacientes foron a obesidade (30,2%), seguida da hipertensión arterial (26,2%) e a diabetes mellitus (10,1%)
O obxectivo dos especialistas do IISGS foi describir os síntomas persistentes seis meses despois do diagnóstico de covid-19 nunha cohorte de pacientes en seguimento clínico.
En total, 284 pacientes clasificados como leves, moderados, graves ou críticos completaron un seguimento de seis meses, dos que 176 (69,4%) requiriron hospitalización e 29 (10,2%) foron ingresados en UCI. A idade media foi de 57 anos, se ben os pacientes non hospitalizados foron significativamente máis novos que os hospitalizados (62 vs. 47 anos, respectivamente). Ademais, os pacientes varóns eran máis frecuentes en ambos os grupos (148, 59,7%).
O seguimento clínico fíxose mediante chamadas telefónicas e visitas despois ao primeiro, terceiro e sexto mes do diagnóstico. E en cada visita, os pacientes completaron un cuestionario de síntomas personalizado para obter datos complementarios.
Os investigadores tamén incluíron datos sobre comorbilidades dos enfermos, se fumaban ou non, e peso e altura, e excluíron os síntomas preexistentes que non cambiaron despois do diagnóstico de covid-19. Tamén se excluíron os síntomas doutra orixe sospeitosa (por exemplo, déficit de ferro ou disfunción da tiroide).
Aos seis meses do diagnóstico de covid-19, 1o 48% dos pacientes describiu un ou máis síntomas persistentes
As comorbilidades máis comúns foron a obesidade (30,2%), seguida da hipertensión arterial (26,2%) e a diabetes mellitus (10,1%). Ademais, todas as comorbilidades eran máis usuais no grupo hospitalizado, agás o asma (4,1% fronte ao 18,4%, respectivamente). No grupo hospitalizado, 29 pacientes (16,8%) requiriron un tratamento crítico, incluídos 23 que requiriron ventilación mecánica invasiva.
Ademais, só incluíron pacientes que sobreviviron polo menos seis meses despois do diagnóstico de covid-19 e completaron todas as visitas de seguimento, excluíndo das análises pacientes falecidos durante o período de estudo, os que se negaron a completar todas as visitas de seguimento e os que non puideron acudir ás citas (por exemplo, por deterioro cognitivo ou discapacidade física).
O período de estudo comezou en marzo de 2020 e rematou en maio de 2021.
Os investigadores identificaron a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), o sexo feminino e o consumo de tabaco como principais factores de risco para a covid persistente.
SÍNTOMAS MÁIS FRECUENTES
Aos seis meses do diagnóstico de covid-19, 119 pacientes (48%) describiron un ou máis síntomas persistentes. Os máis frecuentes foron síntomas extratorácicos (39,1%) e torácicos (27%), dispnea (20,6%) e fatiga (16,1%). Estes síntomas foron máis comúns en pacientes hospitalizados que en ambulatorios (52,3% vs 38,2%) e en mulleres que en homes (59% vs 40,5%).
Máis detalladamente, entre os síntomas torácicos, os máis frecuentes foron a dispnea (20,6%), a dor no peito (6,0%) e a tose (4,4%).
Os síntomas extratorácicos máis prevalentes foron fatiga (16,1%), síntomas músculo-esqueléticos (7,3%) e perda de cabelo (7,3 %).
A dor de cabeza, o trastorno do estado de ánimo e o trastorno do sono foron os síntomas neurolóxicos máis comúns.
En xeral, os trastornos do olfacto foron máis frecuentes que os do gusto (6,9% fronte ao 4%, respectivamente). Mentres que os síntomas neurolóxicos seis meses despois do diagnóstico de covid-19, excluíndo as alteracións do olfacto e do gusto, eran pouco comúns (menos do 5%).
A dor de cabeza, o trastorno do estado de ánimo e o trastorno do sono foron os síntomas neurolóxicos máis comúns. “Non obstante, as condicións psicolóxicas, o estrés e o illamento poden estar asociados a estes síntomas, xunto coa infección por coronavirus”, clarifican os investigadores, que engaden: “A maior prevalencia no grupo hospitalizado pode deberse á gravidade da enfermidade, ao ingreso en coidados críticos ou a tratamentos (por exemplo, corticoides, inmunosupresores)”.
Nove pacientes (3,2%) informaron de síntomas que cumprían os criterios de néboa mental, que foi definida pola comunidade científica como problemas de concentración, trastorno da memoria recente ou confusión e desorientación. Con todo, a súa orixe ou relación coa enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2 “segue sendo descoñecida”, apuntan os expertos galegos.
Os síntomas dixestivos tamén foron menos comúns (4% dos pacientes suxeitos do estudo).
DIFERENZAS ENTRE HOSPITALIZADOS E NON HOSPITALIZADOS
Os síntomas persistentes foron máis prevalentes no grupo hospitalizado (52,3% fronte a 38,2%).
Os síntomas torácicos nos ingresados informáronse con máis frecuencia en comparación co grupo non hospitalizado (32% fronte ao 15,8%). Porén, nos síntomas extratorácicos a diferenza reduciuse (43% fronte a 30,3%).
O síntoma torácico máis común foi a dispnea (dificultade respiratoria ou falta de aire), qmáis frecuente en pacientes hospitalizados
O síntoma torácico máis común foi a dispnea (dificultade respiratoria ou falta de aire), que se informou con máis frecuencia en pacientes hospitalizados (25% fronte a 10,5%). A maioría dos suxeitos informaron de dispnea de grado 1, isto é, problemas respiratorios ao camiñar á présa ou subir unha pendente leve.
Por outra banda, a dor no peito non mostrou diferenzas significativas entre ingresados e non hospitalizados (6,4% fronte ao 5,3%) e a tose persistente informouse en poucos casos (5,8% fronte ao 1,3%).
A fatiga (20,9% fronte ao 5,3%) e a mialxia (5,8% fronte ao 0) informáronse con máis frecuencia no grupo hospitalizado que no grupo de pacientes ambulatorios.
Ademais, a perda de cabelo (9,3% fronte ao 2,6%) e os trastornos do sono (5,2% fronte ao 0%) foron máis comúns en hospitalizados, aínda que os autores do estudo salientan que esta diferenza non foi estatisticamente significativa.
A artralxia, ou dor de articulacións (5,8% fronte ao 2,6%), a perda do sentido do gusto (2,9% fronte ao 6,6%) e os síntomas dixestivos (4,1% fronte ao 3,9%) tampouco mostraron diferenzas salientables entre ambos os grupos. E a anosmia, ou perda do olfacto, foi máis prevalente en suxeitos non hospitalizados (5,2% fronte a 10,5%), pero, segundo os investigadores, non cumpriu a significación estatística.
HOMES VS MULLERES
En xeral, os síntomas persistentes foron máis comúns en mulleres que en homes (59% fronte ao 40,5%).
Dispnea, dor de cabeza, fatiga e perda de cabelo foron máis comúns en mulleres que en homes
A dispnea (29% vs. 14,9%), dor de cabeza (10% vs. 4,8%), fatiga (22% vs 12,2%) e perda de cabelo (15% vs. 7,3%) foron máis prevalentes nas mulleres, mentres que a anosmia (6% fronte ao 7,4%), a alteración do gusto (4% nos dous xéneros) e os síntomas musculoesqueléticos (6,8% fronte ao 8%) non mostraron diferenzas significativas entre mulleres e homes.
“No noso estudo, as mulleres mostraron unha maior prevalencia de síntomas persistentes en grupos hospitalizados e en grupos non hospitalizados. Dispnea, dor de cabeza, fatiga e perda de cabelo eran máis comúns nas mulleres que nos homes”, resumen os autores do estudo.
PREDITORES DE SÍNTOMAS PERSISTENTES
Ao realizar unha análise multivariante para determinar os factores de risco de síntomas persistentes de covid-19, os investigadores identificaron a enfermidade obstrutiva pulmonar crónica (EPOC), o sexo feminino e o consumo de tabaco como factores de risco independentes para os síntomas restantes.
A EPOC foi a única comorbilidade asociada cunha maior prevalencia de síntomas persistentes. 14 pacientes (5,1%) foron afectados por EPOC antes do diagnóstico de covid-19 e 12 deles (80%) tiñan polo menos un síntoma persistente. Nove suxeitos (75%) informaron de dispnea nova ou empeorada en comparación coa súa percepción previa ao diagnóstico de covid-19.
"Os nosos descubrimentos suxiren que algúns dos síntomas persistentes poderían estar relacionados cunha comorbilidade pulmonar previa e hospitalización"
A dispnea (60,0% fronte ao 18,0%) e dor no peito (26,7% fronte ao 4,7%) informáronse máis frecuentemente no grupo de EPOC.
Por outra banda, a tose (6,7% fronte ao 4,3%), a fatiga (20% fronte ao 15,9%), a mialxia (13,3% fronte ao 3,4%), a artralxia (6,7% fronte ao 4,7%) non diferían entre pacientes con e sen EPOC.
ATENCIÓN ESPECIAL A PROBLEMAS PULMONARES
“Os nosos descubrimentos suxiren que algúns dos síntomas persistentes poderían estar relacionados cunha comorbilidade pulmonar previa e hospitalización. O dano do SARS-CoV-2 nas vías respiratorias pode ser máis intenso en pacientes con enfermidade pulmonar previa, aumentando o risco de síntomas a longo prazo. Ademais, a pneumonía e a síndrome de dificultade respiratoria aguda tamén poden contribuír a desenvolver síntomas persistentes”, explican os investigadores galegos.
Estes achados, din, deben valer para “prestar especial atención e seguimento clínico despois da infección aguda por SARS-CoV-2 a pacientes hospitalizados con enfermidades pulmonares anteriores, consumo de tabaco e mulleres”.
Aínda que recoñecen que a orixe destes síntomas persistentes “segue sendo descoñecida”, consideran “probable que sexa unha combinación dun dano directo causado polo SARS-CoV-2, comorbilidades previas, activación inmunolóxica e factores psicolóxicos e emocionais”.
Os resultados do estudo, en revisión, foron adiantados polos membros do grupo de expertos que traballa na Cohorte COVID-19 do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (COHVID-GS), financiada con fondos do Instituto de Salud Carlos III para a investigación da covid-19.
SÍNTOMAS DA COVID PERSISTENTE
Moitos síntomas persistentes da covid-19 poden manifestarse en calquera persoa que infectada polo coronavirus, mesmo se se esta foi leve ou se non se tiveron síntomas iniciais.
Entre a variedade de síntomas novos ou en curso que poden durar semanas ou meses despois de infectarse polo virus, o Ministerio de Sanidade español e os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) –axencia do Departamento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos– rexistraron combinacións dos seguintes síntomas: dificultade para respirar ou falta de aire, cansazo ou fatiga, síntomas que empeoran logo de actividades físicas ou mentais, dificultade para pensar ou concentrarse, tose, dor no peito ou no estómago, dor de cabeza, corazón que latexa rápido ou moi forte (coñecido como palpitacións), dor muscular ou nas articulacións, sensación de formigo, diarrea, problemas para durmir, febre, mareos (vertixe) ao poñerse de pé, broullas, cambios no estado de ánimo, alteracións do gusto ou do olfacto, perda de pelo, debilidade en unllas ou cambios no ciclo menstrual nas mulleres.
Aínda que pouco frecuente, algunhas persoas, maiormente nenos, sofren síndrome inflamatoria multisistémica pola covid-19
Algúns infectados que enfermaron gravemente experimentaron efectos multiorgánicos ou afeccións autoinmunes durante máis tempo, con síntomas que duran semanas ou meses despois de ter covid-19. Os efectos multiorgánicos poden afectar a maioría e mesmo a todos os sistemas do corpo, incluídas as funcións do corazón, os pulmóns, os riles, a pel e o cerebro.
Aínda que é pouco frecuente, algunhas persoas —maiormente nenos— sofren a síndrome inflamatoria multisistémica mentres cursan unha infección por covid-19 ou inmediatamente despois, e pode causar afeccións posteriores á covid-19 se a persoa segue tendo efectos multiorgánicos ou outros síntomas.
Un estudo multicéntrico realizado con datos de varios hospitais do Estado español revelou que a síndrome inflamatoria multisistémica asociada á covid-19 “semella ser a presentación máis frecuente entre nenos con enfermidades críticas con infección por SARS-CoV-2”.
“Esta síndrome caracterízase por febre [95,6 % dos casos], hipotensión [91,1 %], síntomas gastrointestinais [90,9 %] e manifestacións cutáneas [68,9 %] con elevación de marcadores inflamatorios xunto cunha linfopenia significativa [número máis baixo que o normal de linfocitos, un tipo de glóbulos brancos no sangue], que requiren terapia vasoactiva”, detallan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.