Os mozos galegos afrontan con alivio o comezo da vacinación masiva a menores de 20 anos

As autoridades chaman á prudencia e a actuar "con cabeza" no día a día.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/08/2021 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

Galicia arrincou este martes o proceso de vacinación masiva aos mozos menores de 20 anos, un colectivo especialmente cuestionado tras a repunta de contaxios rexistrada no mes de xullo e unha franxa de idade á que a autoridade sanitaria apela frecuentemente nas súas chamadas á responsabilidade para pór freo á Covid-19.

Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos
Mozos esperan na Cidade da Cultura o día de arranque da vacinación másiva a menores de 20 anos | Fonte: Europa Press.

O comité clínico que asesora á Xunta incidiu de novo neste argumentario de novo a pasada semana. José Luís Muíño, un dos seus membros, advertiu de que os novos contaxios prodúcense, sobre todo, entre os máis novos, que adoitan pasar a enfermidade de forma máis leve, e sinalou que se están detectando casos de covid persistente entre as franxas de idade temperás.

Por iso, chamou a responsabilidade dos mozos, a quen instou a reducir a vida social ou manter sempre as medidas de seguridade; e a ter en conta que, canto máis sobe a franxa de idade e ante situacións de vulnerabilidade, aumenta o risco de hospitalización, mesmo nos vacinados.

A pesar diso, o informe de Saúde Pública abordado nesa mesma reunión constataba un posible cambio de tendencia: a incidencia acumulada nos grupos de idade de 12 a 39 anos está a descender, especialmente nos de 20 a 39 anos.

É por iso que o proceso de vacinación masiva a esta franxa de idade recíbese con alivio, especialmente entre o propio colectivo de mozos.

"É O MELLOR QUE SE PODE FACER"

Este martes estaban citados no rango de 29 a 16 anos e repescas 5.744 persoas na área da Coruña; 2.699 en Lugo; 2.688 en Ourense; 3.656 en Pontevedra; 7.150 en Vigo; 4.907 en Santiago; e 1.818 en Ferrol.

Entre os que acudiron á citación na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela atopábase Rita, unha nai que acudiu para acompañar ao seu fillo para recibir a primeira esa dose. "É o mellor que se pode facer agora que hai menos contaxios", sinalaba, en declaracións a Europa Press.

A pesar diso, é plenamente consciente de que este proceso non implicará "regresar á normalidade" como tal e cre "que isto aínda ten para longo", aínda que agradece contar coa "garantía" da vacinación para poder dar pasos adiante.

Neste sentido, e xa pensando no próximo curso académico, apostou por "seguir coas normas", tanto por parte dos mozos como dos máis adultos. "Este ano non será tan estrito pero tamén hai que seguir coas normas, porque se non isto volve outra vez".

Yago e Denis, pola súa banda, son dous mozos de 19 anos citados para a primeira dose. Eles acudiron ao Gaiás "con alivio e tranquilidade", dado que eles queren estar vacinados para poder empezar a vivir o día a día "con máis facilidade".

"Non vai ser normalidade total tampouco, nin nada así, pero as cousas teñen que ir a mellor se nos vacinamos", engade Yago. Nesta liña Denis chamou a actuar "con cabeza", xa que se pode gozar da vida e do tempo de lecer e "ir tomar algo" cumprindo coas medidas de seguridade necesarias.

CLASES PRESENCIAIS

A experiencia de Alba, tamén de 19 anos, é diferente e a súa principal preocupación atópase no seguinte curso, máis que na presión social que sitúa o foco no lecer dos mozos.

"Eu son estudante universitaria e na universidade se non estamos vacinados pois se cadra din 'clases presenciais non', como pasou o curso que foi todo 'en liña', pero 'en liña non se aprende. Se nos vacinan vexo máis posible ter clases presenciais, manter a calidade", sinalou.

É por iso que agradece que "por fin" empecen coas citacións para as franxas de idade máis novas e defendeu que, aínda que é partidaria de manter medidas como as máscaras na aula, a xestión de contaxios en facultades é máis sinxela que noutros sectores.

"Se podes ir a un restaurante a comer, a unha distancia normal... na aula estás a esa mesma distancia e tes á beira a esas persoas os mesmos días, non coma se vas tomar un café e tes a unha diferente de cada vez. É como unha burbulla", considerou.

PREVISIÓNS DE CITAS

Sanidade tamén avanzou a fin de semana que o venres 20 a vacinación volverá centrarse en primeiras doses para o rango de 29 a 16 anos, así como en repescas.

Por áreas sanitarias, citarase a 5.744 persoas na de Coruña; 2.699 na de Lugo; 2.688 na de Ourense; 3.656 na de Pontevedra; 7.150 na de Vigo; 4.907 na de Santiago de Compostela; e 1.818 na de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta