Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 14:59
O comité clínico que asesora á Xunta modificou o mapa de restricións do territorio galego, no que xa non queda ningunha localidade en nivel máximo, un total de 35 concellos sitúanse en nivel alto e outros 75 situaranse na franxa de nivel medio. As medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do sábado 21 de agosto.
Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico, na que estivo acompañado ademais polo xerente do Sergas, José Flores; pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e por un membro do grupo asesor, o doutor Pedro Rascado.
Comesaña subliñou que a situación epidemiolóxica de Galicia é "estable e con tendencia descendente", de acordo á baixada rexistrada nos datos de incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias. Con todo, matizou que, a pesar disto, "non se debe baixar a garda nin confiarse", xa que "o virus segue activo e contaxiando".
Así as cousas, o titular de Sanidade mostrouse preocupado porque esta diminución da incidencia non se rexistra na poboación maior de 80 anos, "onde non acaba de descender", e mesmo se incrementa nas áreas sanitarias da Coruña, Lugo e Vigo.
NIVEIS DE RESTRICIÓNS
En concreto, os concellos en nivel alto serán Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Camariñas, Vimianzo, Cabanas de Bergantiños, Pontedeume, Cabanas, Ares, Rábade, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Grove, Meis, Bueu, Ponte Caldelas, Redondela, Tui, Vigo, Arbo, As Neves, Nigrán, Tomiño, O Rosal, Ponteareas e A Cañiza.
Para hostalaría, nestes concellos pásase ao 30% en interior e 75% en terrazas; mentres que para lecer nocturno, os interiores estarán pechados pero ampliarán as terrazas ata o 75%.
Os grupos mantéñense --seis en interiores e 10 en exteriores-- e, a isto hai que sumarlle, nos niveis máximo e alto, a prohibición de reunirse con non convivientes máis aló das 1,00 horas.
En nivel medio atópanse Zas, Coirós, Corcubión, Carballo, Carral, Cerceda, Abegondo, Coristanco, Curtis, Ponteceso, Oza-Cesuras, A Laracha, Cambre, Culleredo, Oleiros, Cariño, Fene, Narón, Neda, Ferrol, Ames, Ribeira, Padrón, Rianxo, Santiago de Compostela, Boiro, Silleda, Touro, Santa Comba, Trazo, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Mondoñedo,Monforte de Lemos, Sarria, Monterroso, Barreiros, Ribadeo, Viveiro, Avión, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Coles, Verín, A Lama, Portas, Cambados, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Gondomar, Salvaterra do Miño, Cangas, Moaña, Mos, Salceda de Caselas, Mondariz, Pazos de Borbén, Baiona, O Porriño e A Guarda.
A hostalaría destas localidades poderá ocupar os interiores ao 50%e o 100% en terrazas. En canto ao lecer nocturno, os interiores deberán acoller o 50% da súa capacidade máxima, que se eleva ata un 75% en terrazas.
O resto de municipios inclúense no nivel medio-baixo, onde a hostalaría pode abrir ao 75% en interiores e ao 100% en terrazas; mentres que para o lecer nocturno, os interiores deberán estar ao 50% e as terrazas poderán funcionar ao 100% da súa capacidade.
Os veciños de localidades en nivel medio ou medio-baixo non poderán reunirse con non convivientes máis aló das 3,00 horas.
"NON BAIXAR A GARDA"
Respecto dos datos epidemiolóxicos, Comesaña informou de que actualmente hai 12.730 casos activos, dos que 259 están en planta, o que converte a Galicia nunha das comunidades con menor presión hospitalaria. Ademais, é a terceira con menor ocupación en UCI, segundo destacou o titular de Sanidade que, con todo, declarou que lles preocupa "enormemente" non ver baixada nesas cifras.
Doutra banda, Comesaña recalcou que en críticos tamén hai pacientes novos e que "un dos últimos falecidos tiña 56 anos". "A vacinación produce unha sensación de euforia e de seguridade falsas, pero non podemos baixar a garda; o paciente máis novo na UCI ten 16 anos", explicou.
O responsable da consellería tachou de "fundamental" localizar os positivos, polo que é "preocupante" a diminución nas probas do test de antíxenos, "que se vén producindo desde a fin de semana pasada". Relacionándoo coa invalidez do certificado covid, Comesaña fixo un chamamento, "sobre todo aos mozos", para que sigan acudindo a facer as probas.
Neste sentido, Carmen Durán destacou a importancia dos cribados, nos que tamén se rexistrou un descenso da positividade, que pasou do 3 ou 4% ao 1,12%. Respecto do test de farmacias, das 208.000 persoas que o solicitaron, notificaron 27 positivos --1,34%--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.