Por gcdeportes | Compostela | 15/01/2014 | Actualizada ás 00:28
Non hai espazo para o deporte mixto dentro do European County Board, a entidade que rixe os deportes gaélicos no continente europeo. Nas últimas semanas, Brian Sheehy, presidente do consello europeo, ten enviado mensaxes aos distintos equipos da Liga Gallaecia para negarlles a posibilidade de xogar partidos mesturados de homes e mulleres baixo o paraugas oficial do fútbol gaélico.
Segundo Sheehy, é unha cuestión de integridade física: no fútbol gaélico masculino permítese o contacto, non así no feminino. Son diferentes e polo tanto mesturalos vai contra a esencia e a tradición do deporte máis popular en Irlanda. “Hai equipos separados en fútbol, en baloncesto, en rugby... todos nos que hai contacto físico polo que... por qué debería GAA (siglas en inglés da Asociación Atlética Gaélica) ser diferente?”, argumenta. “Vostede di que xoga fútbol gaélico, pero non. Fútbol gaélico só xogan os clubs rexistrados na asociación GAA”.
De feito, Brian Sheehy lembra aos integrantes da Liga Gallaecia que só os clubs representados na denominada Liga Galega son parte oficial da GAA (dende novembro) e só eles poden xogar o fútbol gaélico ‘oficial’ en Galicia. O presidente do European County Board insta á Liga Gallaecia a respectar as regras da asociación e non xogar partidos mixtos para poder ser parte da organización. “Xa hai equipos femininos na Liga Galega, de xeito que as mulleres poden xogar coas súas propias regras”. Sheehy incluso amenaza aos equipos con denunciar a ilegalidade que supón usar a súa marca, para deste xeito protexer a esencia do deporte gaélico.
Suévia de Compostela, Torques de Lugoslavia, Afiadoras de Ourense, Ambilokwoi de Vigo e Cascarilha da Coruña disputan dende outubro a 'Liga Gallaecia'. Mentres, na Liga Galega participan Pontevedra Fútbol Gaélico, Irmandiños da Estrada, Estrela Vermelha de Santiago, Mecos do Grove e Fillos do Breogán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.