Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2021 | Actualizada ás 17:44
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) acusou á Xunta de levar a cabo "unha nova manipulación" sobre o polémico baleirado dos encoros da conca despois de que membros do Executivo galego acusasen á entidade dependente do Estado de actuar en "conivencia" coas empresas concesionarias das presas.
Nun comunicado remitido aos medios este luns, o organismo que dirixe José Antonio Quiroga censura que a Administración autonómico "leva cambiando de criterio nas últimas semanas polo menos en tres ocasiones": primeiro cando esgrimían "que ninguén os avisou" sobre o baleirado dos encoros, "despois que se tivesen as competencias non permitirían" estas baixadas de nivel e, por último, "aludindo a unha suposta conivencia da confederación coas concesionarias".
Así, a CHMS considera "evidente" que a Xunta soubo, da man da empresa concesionaria, do baleirado dos encoros de Cenza e Portas no mes de xuño pero "non comezou a visitar os encoros ata o 20 de agosto como consta nos expedientes sancionadores" abertos polo Goberno galego.
Deste xeito, censura que a Xunta "deixou pasar máis de 70 días sen facer nada" a pesar de exercer as responsabilidades no medio ambiente, á vez que sostén que a CHMS "non ten competencia ningunha para evitar a baixada de niveis de auga embalsada a menos que afecten as normas de explotación dos encoros".
A continuación, a CHMS lembra que abriu "expedientes informativos" ás empresas concesionarias de encoros que presentan niveis baixos e que "a día de hoxe non se detectou incumprimento das normas de concesión e explotación das citadas presas".
Así as cousas, considera "unha nova manipulación" a "conivencia" entre o organismo estatal e as empresas que apuntou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nun acto do Partido Popular celebrado o pasado venres 10 de setembro.
"Utilizar a auga e o medio ambiente como arma de confrontación política s moi grave, non asumindo as competencias no medio ambiente que lle foron transferidas no seu día e dando unha imaxe de que o único que importa á Xunta de Galicia é facer ruído e enlamar en lugar de preservar e defender o medio ambiente", conclúe Quiroga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.