Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/10/2021 | Actualizada ás 17:58
A reunión entre a dirección de Vestas e o comité de empresa para abordar o expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo en Viveiro concluíu sen acordo nin entendemento entre as partes.
O comité denuncia que a dirección "está enrocada e non retira o ERE baixo ningún concepto". Os representantes dos traballadores insisten na necesidade de paralizar o ERE "para garantir a negociación en tempo dunha saída e lograr o correcto funcionamento da mesa industrial" constituída por iniciativa da Xunta.
"Pero Vestas escapa desa mesa e propón negociación paralela sen parar en ningún caso o reloxo", critica o presidente do comité, David Mariño.
Esta proposta foi rexeitada polo comité, que entende que é na mesa industrial "onde se poden facer realidade as posibles saídas" ao conflito, ao dispor "dos mecanismos necesarios".
O comité avanza que seguirá loitando "para protexer" os traballos e tentará forzar a Vestas a participar "activamente" na mesa industrial da Xunta, que está previsto que se volva reunir este xoves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.