A OMS define oficialmente como enfermidade a COVID-19 persistente

Segundo apunta a xefa de xestión clínica da OMS: "os síntomas duran polo menos dous meses e non poden explicarse por un diagnóstico alternativo".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 11/10/2021 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

A Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou a primeira definición clínica oficial da enfermidade 'pos-COVID-19', tamén denominada COVID-19 persistente, acordada tras unha consulta mundial e que ten como obxectivo facilitar o tratamento dos enfermos. Esta patoloxía adoita aparecer "normalmente tres meses despois do inicio da COVID-19". "Os síntomas duran polo menos dous meses e non poden explicarse por un diagnóstico alternativo", explicou a doutora Janet Díaz, xefa de xestión clínica da OMS.

A maioría dos pacientes que padecen COVID-19 recupéranse completamente, aínda que algúns sofren "efectos a longo prazo no seu organismo, nos sistemas pulmonar, cardiovascular e nervoso, así como efectos psicolóxicos". Estes efectos poden producirse con independencia da gravidade inicial da infección e danse con maior frecuencia en mulleres, persoas de mediana idade e naqueles que mostraron máis síntomas inicialmente.

Esta é a definición completa da COVID-19 persistente, segundo a OMS: "A afección pos-COVID-19 prodúcese en individuos con antecedentes de infección probable ou confirmada polo SARS-CoV-2, xeralmente tres meses despois da aparición da COVID-19 con síntomas que duran polo menos dous meses e que non poden explicarse por un diagnóstico alternativo. Os síntomas máis comúns son a fatiga, a dificultade para respirar e a disfunción cognitiva, pero tamén se poden dar outros síntomas que adoitan repercutir no funcionamento cotián do enfermo. Os síntomas poden ser de nova aparición, tras a recuperación inicial dun episodio agudo de COVID-19, ou poden persistir desde o inicio da enfermidade. Os síntomas tamén poden fluctuar ou pode haber recaídas co tempo. Para os nenos, pode ser aplicable outra definición".

Ata agora, a falta de claridade entre os profesionais da saúde acerca da enfermidade complicou os esforzos por avanzar na investigación e o tratamento. Por ese motivo, o organismo sanitario internacional de Nacións Unidas decidiu buscar unha definición de caso clínico estandarizada a nivel mundial.

Na súa intervención na sede da ONU en Xenebra, a doutora Díaz explicou que os síntomas inclúen "fatiga, dificultade para respirar, disfunción cognitiva, pero tamén outros que xeralmente repercuten no funcionamento cotián". "Os síntomas poden ser de nova aparición, tras a recuperación inicial dun episodio agudo; ou ben, poden persistir desde o inicio da enfermidade. Ademais, os síntomas tamén poden fluctuar ou pode haber recaídas co tempo", agregou.

A doutora Díaz describiu a nova definición como "un importante paso adiante" para estandarizar o recoñecemento dos pacientes con esta condición e afirmou que a OMS espera que "axude ao persoal médico e sanitario a recoñecer aos pacientes e a comezar cos tratamentos e intervencións adecuados e a ter claros os camiños a tomar". "Esperamos que os responsables políticos e os sistemas sanitarios establezan e apliquen modelos sanitarios integrados para atender a estes pacientes", remachou.

Aínda que existen varias probas para detectar a infección inicial por COVID-19, non hai ningunha para detectar esta afección posterior, e aínda non está claro que o desencadea nos enfermos.

"Trátase da persistencia viral, ou hai microtrombosis ou algún problema co sistema vascular?", preguntouse a doutora Díaz, esbozando algunhas das ideas que barallan os científicos que levan a cabo investigacións neste campo. "Ou, hai problemas de autoinmunidade?, ou é o sistema inmunolóxico que está a funcionar mal e que está a causar algúns dos síntomas?", concluíu.

Principais síntomas da covid persistente
Principais síntomas da covid persistente | Fonte: Ministerio de Sanidad - Traducido por Galicia Confidencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta