Sete persoas feridas en múltiples accidentes de tráfico esta fin de semana en Galicia

Rexistráronse colisións e saídas de vía en Tui, Carnota e Viana do Bolo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2021 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Dúas saídas de via ocorridas en Tui e Carnota, respectivamente, saldouse coa evacuación e traslado de catro persoas a centros hospitalarios. O primeiro dos accidentes ocorreu en Tui, ao redor das 23,30 horas da noite do sábado preto da parroquia de Malvas. Foron os servizos sanitarios do 061 os que chamaron ao 112 para comunicar o seu desprazamento ata o punto para atender aos dous feridos.

Deste xeito, para prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 informouse os bombeiros do Porriño, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Tui. Finalmente, as dúas persoas afectadas foron trasladadas en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA - Arquivo.

Máis tarde, ao redor das 00,30 horas, outra saída de vía ocorrida en Carnota, concretamente na parroquia de Lira, deixaba a dúas persoas feridas que necesitaron ser derivadas ao Hospital Virxe da Xunqueira. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir unha chamada de alerta dun dos ocupantes do vehículo sinistrado. Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencias, o coche sufriu unha saída de vía e deu varias voltas de campá, o que provocou que os seus ocupantes tivesen dificultades para saír.

Seguidamente, o 112 puxo a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Vilagarcía e Cee e dos membros do GES de Muros. Unha vez no lugar do accidente, os equipos de intervención confirmaron que as persoas estaban liberadas e accesibles, polo que non tiveron que empregar material de excarceración. Para restablecer as condicións de seguridade na vía, o 112 avisou á Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.

VIANA DO BOLO

Tres persoas resultaron feridas na mañá deste domingo no municipio ourensán de Viana do Bolo, cando un turismo chocou contra outro que se atopaba estacionado. Segundo informa o 112 Galicia, foi un dos implicados quen chamou á central de emerxencias para informar da situación e solicitar asistencia médica para os ocupantes do vehículo accidentado.

Seguidamente, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias-061, do GES da Gudiña, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta