Ao Compos bástanlle 15 minutos

Triunfo por 3-0 ante a SD Logroñes que lle permite escalar posicións e afastarse do descenso. Fondevila e Joselu de penalti marcaron ao principio. O ex xogador do Compos Tato Abadía, técnico visitante, fixo o saque de honra.

Por gcdeportes | Compostela | 02/03/2014 | Actualizada ás 00:12

Comparte esta noticia

Ficha técnica
SD Compostela:
Adrián, Jesús, Castiñeiras, Jimmy, Taboada, Gonzalo (Manu, min. 74), Jordan, Fondevila, Joselu (Peláez, min. 73), Yahvé, Diego Rey (Nacho, min. 63).
SD Logroñés: Gonzalo, Carlos Alcántara, Iñaki, Ledo, Yecora, Fran Sota, Olavarrieta (Javier Torre, min. 54), Sergio (Edu, min. 54), Candelas, Félix del Puente, Iñaki Toledo (Ricardo, min. 14).
Goles: 1-0: Fondevila (min. 13). 2-0: Joselu (min. 15). 3-0: Yahvé (min. 70).
Cartóns: Expulsado o meta visitante Gonzalo no minuto 13. Amarelas a Candelas (min. 45) e Ledo (min. 73) nos visitantes.
Incidencias: partido da xornada 28ª no estadio de San Lázaro ante 1.050 espectadores. Agustín Tato Abadía, adestrador rival e ex-xogador do Compostela que axudou o ascenso a Primeira nos 90, fixo o saque de honra.

Quince minutos. Iso é o que precisou o Compos para sentenciar o partido ante a SD.Logroñés, e firmar a súa mellor xeira no que vai de tempada, con 8 puntos en catro encontros. Dous goles e unha expulsión no bando do Logroño, deixaron todo visto para sentencia, xunto a 80 minutos de sopor para os afeccionados.

O arrinque seguiu o guión habitual ao que acostuma a xogar o cadro de Fredi en San Lázaro. Dominio do balón, presión e buscando a porta dende o primeiro minuto, pero coa paciencia do partido ante a Cultural. Na primeira oportunidade clara Joselu entraba por banda dereita, deixaba o balón atrás para entrada de Fondevila para que este fixese o primeiro gol. E case na xogada seguinte Joselu mataba o partido ao transformar un penalti cometido sobre Yahvé que trouxo o cartón vermello para Gonzalo, o arqueiro visitante.

Nesta situación, só un desastre de proporcións bíblicas podía evitar que os tres puntos quedasen en San Lázaro. Con Fondevila e Gonzalo marcando o ritmo que máis conviña, a Esedé controlou sen ningún problema ao seu rival, podendo ampliar a vantaxe nas múltiples ocasións das que dispuxo. Diego Rey e Joselu tiveron as máis claras da primeira parte pero sen éxito.

Vendaval branquiazul na segunda metade

Nada mudou tralo descanso. O Compos seguiu mandando e co paso dos minutos foi gañando en profundidade, grazas tamén ao cansazo dos homes do Tato Abadía. Gonzalo mandou o primeiro aviso de falta, pero o seu lanzamento marchouse preto de pau esquerdo. Fredi deu entrada a Manu, Peláez e Nacho, o que deu un plus de osíxeno aos picheleiros. Foi entón cando o cadro branquiazul converteuse nun vendaval sobre a porta defendida polo xunvenil Ricardo. Coas numerosas ocasións parecía que o resultado ía aumentar, como así foi. Un bo centro de Jordan foi cabeceado por Yahvé para facer o 3-0 definitivo.

Con esta vitoria, o Compos colocase 11º a sete puntos do Coruxo, equipo que marca os postos de descenso.

Os xogadores do Compos celebran un dos goles.
Os xogadores do Compos celebran un dos goles. | Fonte: sdcompostela.com

"Estes 8 puntos son un pulo para coller confianza”

O adestrador local Fredi amosouse satisfeito na rolda de prensa e declarou: “O partido púxosenos moi ben nos primeiros minutos”, aínda que ao mesmo tempo lamentou a falta de ambición do seu equipo. E engadiu: “Oxalá gañemos o próximo fóra pero firmo lograr a salvación cos puntos de casa".

Pola súa banda, Tato Abadía dixo: “Tentámolo no primeiro tempo pero no segundo xa era moi difícil co cansazo”. Sacou a nota positiva da actitude dos seus xogadores: “Somos un equipo que non nos rendemos”. E agradeceu ademais o recibimento de San Lázaro.

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 XPC

Tamén podiades falar dos outros catro equipos galegos da Segunda División B...