Sen vivendas para alugar, o difícil camiño da xente nova para independizarse

A falta de oferta de vivenda para alugar impide a emancipación dos máis novos para viviren de maneira independente. Á parte, a mesma escaseza fai que, ás veces, as rendas sexan tan elevadas que mesmo con dous salarios é imposible pagalas. Tamén os propietarios de pisos reacios a alugar moitas veces ante o que ven como falta de seguridade para cobrar e como facer fronte a gastos inseperados como son os danos causados por inquilinos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A xente nova ten difícil saír fóra do fogar dos seus pais de non ser que poidan permitirse mercar unha vivenda mediante créditos e hipotecas. De non ser así, o  mercado do aluguer de vivenda ten unha oferta escasa en Galicia. Non hai vivendas abondo para a demanda existente desde a sociedade. Non obstante, se se observan de perto as diferentes vilas e cidades galegas existe un parque de vivendas desocupadas que, ata certo punto, podería acoller a un importante número de persoas mozas para alugaren a súa primeira vivenda e aínda así non se abren para produciren rendas  ben a medio prazo ou longo prazo.

Vivenda en aluguer
Vivenda en aluguer | Fonte: Europa Press.

A FALTA DE VIVENDA PARA ALUGAR

Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias, AGALIN, apunta dous factores detrás da falta de vivenda para aluga. “O primeiro é a migración de alugueres de longa duración a alugueres turísticos ou vacacionais, por outra parte está a alta porcentaxe de vivenda desocupada sen poñer no mercado”. Este último punto explícao Carlos Debasa coas inseguridades da maioría dos propietarios e propietarias ante futuros problemas que poidan xurdir cos inquilinos.

Esta tendencia migratoria ademais das inseguridades de propietarios fai que os prezos dos escasos espazos dispoñibles sexan elevados. “Hai condicións de contratación que son inasumibles para moita xente polos prezos” di Miguel López de UCGAL. Entón, se parte das dificultades están nos prezos, “debemos incidir na necesidade de ampliar o parque de vivenda”.

E todo isto contando, tal como sinalaba Debasa, cunha porcentaxe alta de espazos baleiros que, por medos e ante posibles dificultades que poidan acabar no xulgado, non se poñen ao dispor do mercado. Mesmo habendo axudas públicas ou a creación de novas leis sobre a vivenda, o feito é que non se está vendo unha apertura máis ampla no mercado da vivenda rentada.

SEGURIDADE PARA ALUGAR

“Cambiar de lugar de residencia non vai cambiar case nada, non depende do lugar elixido, depende da situación do mercado” apunta Isabel Cotelo, delegada de AGALIN para a provincia da Coruña. Por tanto, a elección doutro lugar para vivir tampouco é unha saída para ver reducidos os prezos das rendas.

Unha idea para paliar a situación é transformar en “máis atractivo este tipo de mercado para os donos e donas de pisos e casas” di Debasa. “Estas persoas, os propietarios teñen medo ás consecuencias negativas de alugar, como que os inquilinos non paguen rendas e facturas”, para iso están as diferentes vías que aportarían seguridade. É dicir, poñer sobre a mesa as diferentes saídas legais que existen para facer fronte á morosidade ou ao desaloxo de persoas que non pagan as rendas e facturas.

“O problema está en que moitas veces se debe recorrer á vía xudicial mesmo para cuestións nímias” di Miguel López. Desde a UCGAL e AGALIN estúdanse medidas de resolución extraxudiciais que de ir aos xulgados, poderían alongarse no tempo. “É necesario crear seguridade na persoa que pon a súa propiedade en aluguer, que os investimentos en reparacións, obras e os posibles danos se podan cubrir grazas ás rendas”.

En canto ás axudas das administracións públicas, non son vistas como desacertadas mais si que en ocasións contribúen a un aumento dos alugueres. “Hai anos había unhas axudas de 200€ para o aluguer, se un piso custaba 500€ ao mes, o propietario subía aos 600€ pois a diferenza de 100 estaba cuberta polas axudas” di Debasa.

Daquela, o problema agora mesmo está na falta de oferta e no aumento de demanda. A oferta redúcese ante os riscos que os propietarios non queren asumir e a demanda aumenta en tanto en canto o número de persoas con desexo de independizarse é elevado. Unha das solucións tamén sería a rehabilitación de vivenda baleira para ser alugada e aumentar a construción de vivenda nova para a mesma finalidade, sen que se caia nunha burbulla inmobiliaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta