SOS OURENSE!!!

O Concello de Ourense dende hai dous anos camiña nunha deriva na que todo o andando en épocas anteriores está a ser ou abandonado ou desfeito.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 08/11/2021

Comparte esta noticia

Esta institución   capitaneada por xente   carente de  ética política,  está levando á  terceira cidade de Galicia a un desprestixio que avergoña a milleiros de Ourensás que nunca maxinaron que se podería  chegar a esta situación.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Os cidadáns desta Auria vivimos unha etapa tan esperpéntica no Concello  que somos o faime rir  de todo o Estado. E non é unha esaxeración, pois temos un alcalde carente da mais elemental ética  que sobrevide co apoio de dous concelleiros  do seu grupo  e co  silencio dos representantes do partido popular que serven de paraugas, pois estes non fixeron máis que pór pegas pra facer unha moción de censura que trocara esta grave situación.  A día de hoxe hai un  equipo de goberno que  é  incapaz de afrontar os graves problemas que ten  o concello como o de aprobar o PXOM ou renovar moitos servizos públicos   que están en precario. A isto hai que sumarlle o non funcionamento  doutros  servizos que son a bandeira desta cidade cara o exterior. Desta maneira están pechadas sen data a piscina das Burgas, e as charcas de Outariz e a Chavasqueira., símbolos para unha cidade que presume de ter milleiros de litros de auga quente. Igualmente  acontece coa perda de subvencións para a reforma da Praza de Abastos e  a carencia de mantemento de rúas e beirarúas  onde  todo está nun estado lamentabel; onde non se repoñen as arbores  secas  ou, onde os parques e os xogos para os mais cativos están  desfeitos e cheos de lixo.

Mais nestes dous anos de mandato  a obsesión por derrubar todos o relacionado coa cultura e a súa marca  foi o obxectivo principal da alcaldía. E seguindo as súas obsesións tomouna  coa chamada Universidade Popular expulsándoa das súas aulas; actuou vehemente contra a banda de música ata facela desaparecer; machacou  o festival Pórtico do Paraíso; pechou o Auditorio e o museo municipal da rúa Lepanto, foi incapaz, aínda coa pandemia, de organizar  unha sinal das festas tradicionais como o Corpus e os Maios   semellante ó que  fixeron  noutros lugares asociacións e concellos. Encheu o Concello  de asesores e contratou a un  City Manager con un soldo estratosférico que non se sabe se valen pra algo máis que pra  branquear cos seus informes, os caprichos e as  ocurrencias  do sr. Jácome. Mais este alcalde coas súas obsesións e contratos de técnicos  menosprezou ós técnicos do concello como si estes non valeran ren.

Ourense vive un tempo de  desleixo en todos os sentidos,  e un tempo de descrédito  no eido das política co deterioro da institución onde mal gobernan o alcalde co silencio dos que o manteñen no cargo.  A sensación que percibimos os cidadáns é que no concello os que mandan  soamente pensan e traballan para o seu. E que a cuestión pública só  queda pra  lanzar ó vento  novas sen base que non son máis ca fogos de artificio. En Ourense chegamos á contradición de que o que antes pedía dimisións e denunciaba a todos diante a xustiza, agora está a rirse de todos os ourensás facendo o contrario do que prometeu no seu día. Pois só está no poder   co  obxectivo  e manterse a toda costa en aras, din as malas linguas,  de facer caixa.

En fin, diante esta situación tan excepcional somente queda que os cidadáns o  18 de novembro tomen a palabra e amosen o seu malestar na rúa pedindo dignidade  e ética na política; reclamando o  bo funcionamentos dos servizos; esixindo  un axeitado mantemento e reparación dos parques e xardíns; reclamado que a cultura  teña o seu espazo dentro da política municipal; pedindo que os proxectos que se fagan sexan motivo de amplos consensos e non sirvan  pra dilapidar os cartos públicos en obras innecesarias con custes moi elevados no seu mantemento. Obras  soamente pensadas pra  satisfacer o capricho deste alcalde.  Ourense non pode seguir nesta situación  de demolición controlada  coa aquiescencia dos populares.  Ourense precisa dignidade na política e autoridades que sexan escoitadas en institucións superiores para acadar proxectos que melloren a vida dos ourensás.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com