Rexeitada no Parlamento a proposta de que a Xunta colabore economicamente coa planta de Lousame

Os populares tamén tombaron unha moción dos socialistas que pedía ao Goberno galego diversas medidas coa intención de paliar os "datos preocupantes" que hai en Galicia no relativo ao índice de pobreza e ao incremento da "desigualdade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O PPdeG tombou este martes no Parlamento de Galicia unha moción presentada polo PSdeG para que a Xunta apoie á planta de recollida de residuos de Lousame, dependente da Mancomunidade da Serra do Barbanza. Deron o seu 'non' á iniciativa despois de que a socialista Paloma Castro esixise que a Administración autonómica non só achegase colaboración técnica a estas instalacións, senón tamén económica.

En concreto, o PSdeG pedía que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborase "no futuro" do complexo de Lousame para "garantir a súa continuidade" tras a finalización da concesión en 2023. De feito, por mor disto, o comité de empresa chegou a convocar unha folga para mediados do pasado outubro.

Neste sentido, Castro esixiu á Xunta unha solución para esta planta que "dá traballo a 170 familias" nunha comarca "de escaso desenvolvemento industrial" como é O Barbanza. Así mesmo, a moción do PSdeG tamén pedía non perder "a oportunidade" dos fondos europeos de recuperación e apoiar á planta de Lousame para que alcance "melloras técnicas".

Castro tamén criticou que a Xunta e o PP reivindiquen o modelo da planta que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ten en Cerceda, mentres rexeitan o apoio á da Mancomunidade Serra do Barbanza. É unha discriminación, dixo, por "motivos de cor política".

Tamén o deputado do BNG Luís Bará arremeteu contra Sogama e contra a "campaña de intoxicación, falsidades e intimidación" da Consellería contra a planta de Lousame. E é que, ao seu xuízo, esta última "saca un aprobado", pero xa "é mellor nota" que as instalacións xestionadas pola sociedade de titularidade autonómica.

Neste contexto, os nacionalistas presentaron emendas de adición --que foron aceptadas polos socialistas-- para rexeitar que a de Lousame acabe transformada nunha "planta de transferencia integrada" en Sogama e para "defender os postos de traballo" derivados do sistema de recollida de residuos no Barbanza.

Por parte do PPdeG, Marisol Díaz acusou á oposición de ter unha "visión falaz" da realidade coa súa actitude de "confrontación e mesmo obsesiva" con Sogama, que é "a compañía máis moderna e máis eficiente de Europa" no sector dos residuos urbanos.

Por iso, e porque a Xunta "non ataca a modelos alternativos" como o de Lousame --considéraos "complementarios"-- os populares tamén rexistraron unha emenda á moción socialista para que o texto aprobado inste á Consellería a "colaborar tecnicamente" no futuro da planta "para garantir o cumprimento da normativa comunitaria en materia de xestión de residuos e que se procure un emprego de calidade para os seus traballadores".

Na súa quenda de peche, Paloma Castro (PSdeG) pediu --como condición para aceptar a emenda-- que este compromiso da Xunta, ademais de técnico, sexa económico. Con todo, o PPdeG rexeitou esta transacción e, por tanto, tombou a iniciativa.

MOCIÓN SOBRE POBREZA

Por outra banda, os populares tamén tombaron unha moción dos socialistas que pedía ao Goberno galego diversas medidas coa intención de paliar os "datos preocupantes" que hai en Galicia no relativo ao índice de pobreza e ao incremento da "desigualdade".

Neste sentido, Juan Carlos Francisco (PSdeG) lamentou que, mentres os orzamentos da Xunta para 2022 son "expansivos", a súa política financeira "basicamente beneficie ás rendas altas" a través de rebaixas no IRPF.

Por iso, a moción dos socialistas reclamaba cuestións como un modelo fiscal "distinto"; un plan autonómico de "vivenda adecuada e accesible"; un plan galego contra a pobreza; e facer a renda de inclusión social de Galicia (Risga) compatible co Ingreso Mínimo Vital (IMV) do Estado, entre outras.

Desde o BNG, que apoiou a iniciativa, a deputada Noa Presas achacou as desigualdades ao "modelo económico, fiscal e de medidas laborais do PP", porque serven de "alimento" para perpetuar esta situación.

"E que fai neste contexto a Xunta do Partido Popular? Traer a esta Cámara uns orzamentos que empeoran aínda máis o PP coas súas emendas: unha reforma fiscal regresiva que desconta case 25 veces máis ás rendas máis altas que ás baixas", explicou.

Fronte ás críticas, o popular Alberto Pazos dixo compartir as "preocupacións" do PSdeG, pero acusou á oposición de "falta de rigor" ao analizar o panorama. Non en balde, esgrimiu que o que a Xunta dedicará o próximo ano á loita contra a pobreza "duplica" a partida que había durante o bipartito.

Así mesmo, puntualizou que a futura lei galega de inclusión social xa "vai compatibilizar" a Risga co IMV; ao que engadiu que "non é necesario" un novo plan específico contra a pobreza porque --ha argumentazo Pazos-- a Xunta xa conta coas súas propias follas de ruta.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento galego. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento galego. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta