Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 29/11/2021 | Actualizada ás 10:30
Satisfacción máxima no Consello Regulador da D.O. Valdeorras tras coñecer que baixo o seu selo sairon a outros mercados 467.471 litros de viño das súas variedades godello e mencía. Os datos son da última campaña e os mellores dende que hai rexistros.
Esta cifra cuadriplica a cantidade de viño exportada no exercicio anterior (2019-2020) cando se acadaron unicamente 109.202 litros de viño exportados. Por variedades, 400.407 dos litros de viño enviados ao exterior corresponden a godello e 67.064 a mencía.
O total cualificado de godello na última campaña foi de máis de 2,5 millóns de litros de viño e de mencía superou os 635.000 litros, o que evidencia que a porcentaxe que se exporta de godello é de máis do 15% e de mencía de pouco máis do 10%.
EXPORTACIÓNS: OS MELLORES MERCADOS
Os viños de Valdeorras véndense fundamentalmente no Reino Unido (125.958 litros de godello e 14.783 de mencía); Estados Unidos (67.672 litros de godello e 12.719 de mencía); Holanda (53.642 de godello e 22.932 de mencía); Alemaña (14.575 de godello e 2.323 de mencía) e Suecia (14.828 de godello e 1.416 de mencía).
O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, valorou como “moi positivas” estas cifras, o que segundo refire “evidencian que as vendas ao exterior se normalizan e, mesmo, medran tras a pandemia”. E aproveitou, así mesmo, para sinalar que os datos son froito da aposta pola promoción exterior dos caldos de Valdeorras. “Representan un sinal de que o traballo de promoción dos nosos viños fóra das nosas fronteiras se está a facer ben”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.