Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 13:45
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o certificado de vacinación contra a covid será obrigatorio para acceder a espazos como os ximnasios, os hospitais de día e oncohematolóxicos, unidades de diáleses, e as residencias de maiores en Galicia.
Así o avanzou o máximo mandatario autonómico este xoves durante a súa comparecencia na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno. Feijóo dixo que, ante a evolución da pandemia, cun incremento dos contaxios nos últimos días, a Xunta "intensificará" a solicitude do certificado "en espazos pechados con posibilidade de contaxios".
Deste xeito, a obrigatoriedade de presentar este documento en ximnasios, hospitais de día e oncohematolóxicos, unidades de diáleses e residencias en Galicia únese á da hostalaría, os lugares de lecer e os albergues.
Ademais, Feijóo aproveitou a súa comparecencia ante os medios para facer un chamamento á "prudencia" e pedir aos galegos "a menor interacción social posible" como ferramenta para loitar contra a covid, ademais do uso da máscara, a distancia de seguridade e a correcta ventilación.
AVAL DO TSXG
O presidente da Xunta avanzou que a Xunta pedirá o aval ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para a posta en marcha da obrigatoriedade de presentar este certificado nestes espazos. "Temos que pedir un aval da xustiza porque son novas esixencias a determinadas actividades económicas e sociais", incidiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.