Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/03/2014 | Actualizada ás 08:00
Non é a primeira vez que no sumario da Pokemon, tal e como xa temos publicado no GC, se recolle unha relación moi fluída entre determinados membros da xudicatura e políticos, ata tal punto, que algúns maxistrados informaron directamente ao PPdeG da existencia das famosas fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado e tamén das escoitas policiais ás que estaban sometidos determinados políticos no marco da Operación Pokemon.
Por iso, non é de estrañar que no sumario tamén figure unha carta que Alberto López, socio fundador de López R. Auditores e consul de Costa de Marfil en Galicia, lle remitiu directamente ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que este incercedera ante a Administración de Xustiza e, en particular, co presidente da Audiencia Provincial de Ourense, para que dera marcha atrás nunha sentenza en contra da instalación dun centro de El Corte Inglés na capital desta provincia.
Precisamente foi a Audiencia Provincial de Ourense a que anulou, en 2012, a licenza de obra e apertura que lle concedeu o Concello de Ourense a El Corte Inglés para a apertura do seu proxecto en Mariñamansa e que para esta empresa era unha obra "prioritaria". A xustiza entendía que que o permiso outorgado era en base ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense PXOM de 2003 que fora tamén anulado por sentenza. Esta licencia fora recurrida polos propietarios de 11 das 20 parcelas de Regueiro Fozado unha área contigua á de Mariñamansa onde estaba previsto un Hipercor, aos que os tribunais de Ourense lle deron a razón.
Tras esa negativa, a multinacional española anunciou que "non renunciaba" ao seu proxecto e, a través de López R. Auditores, realizou unha serie de xestións, unhas no propio Concello de Ourense e, outras, directamente co presidente da Xunta de Galicia. Por iso, e por indicación da propia concelleira de Urbanismo de Ourense, Áurea Soto, El Corte Inglés solicitou una nova licenza, ao amparo esta vez da normativa urbanística provisional que rexe no concello.
Na ofensiva ante a Xunta, Alberto López, agradecelle a Feijóo a "agilidad en la tramitación de la licencia autonómica para la instalación de El Corte Inglés en Ourense" e pídelle que interceda ante a Xustiza para impulsar este proxecto.
Nunha misiva na que tutea ao presidente da Xunta e no que denota que ambos os dous se coñecen, Alberto López lémbralle a Feijóo que existe xa unha unanimidade política na cidade sobre a "conveniencia de la instalación en la parcela 11.a de El Corte Inglés". E, cita, expresamente, tanto ao Concello como á Deputación de Ourense. "La Diputación, de hecho, es copropietaria en el Proyecto de Compensación y el Concello ha obtenido unas compensaciones urbanísticas entre las que se incluyen un incremento de vivienda protegida, un auditorio al aire libre y una aportación económica para la construcción de un centro social", sinala.
Por iso, suliña que, ante este escenario, "no parece desdeñable la presentación de la situación ante la autoridad judicial oportuna", agardando que sexa Feijóo quen o faga. "Por otro lado, la situación actual supone un perjuicio indudable para toda la ciudad de Ourense pues no se puede concretar la venta del suelo a El Corte Inglés con el riesgo evidente de que si se espera a una resolución al respecto la empresa decida suspender "sine die" su proyecto para la ciudad", argumenta López.
Deste xeito, pídelle a Feijóo que se dirixa a Fernando Alañón Olmedo, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, para que "resuelva a la mayor urgencia al menos, la modificación de medidas cautelares solicitadas" e que "en la medida que jurídicamente sea posible sin menoscabo de los derechos de nadie se libere de la anotación preventiva de demanda la parcela 11.a del Proyecto de Compensación A.R-39-E Finca Mariñamansa para su inmediata adquisición por El Corte Inglés".
A pesares desa carta, a situación do proxecto de El Corte Inglés en Ourense aínda non se resolveu. Precisamente, hai uns días, novamente Áurea Soto recriminaballe ao BNG que insista en converter a leira Mariñamansa nun gran parque para a cidade como condición para sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, advertiu de que botar abaixo os proxectos de El Corte Inglés e de Eroski, como pretenden os nacionalistas, "pode ter un custo para as arcas municipais duns 300 millóns de euros". Por iso, o concello, dixo, xa encargou "unha peritación respecto diso".
Por outra banda, Alberto López xa é un vello coñecido do actual concello socialista de Ourense. En 2009, o goberno municipal pagou dúas facturas sen xustificar do servizo de axuda a domicilio por valor de 236.000 euros á empresa Troncoso Saludges Servizos Sociosanitarios, cuxo xerente único é, curiosamente, Alberto López. Dous anos despois, López gañou a adxudicación do mesmo servizo por un importe de 16,8 millóns de euros a través doutra das súas empresas: Corporación LS, da que é administrador único. Esta última adxudicación está a ser investigada pola fiscalía.
O pago de 2009 foi autorizado coa firma da concelleira de Servizos Sociais, Marga Martín, e da xefa de servizo, Marta Rodríguez, cando había un pacto de goberno entre o PSdeG e o BNG. Pero, esas facturas formalizadas polo número dous do alcalde de Ourense carecían, segundo publicou El País, das listaxes de usuarios e auxiliares que debían acreditar os servizos e que se achegaban como xustificante. O propio goberno local recoñeceu nun documento emitido por Alcaldía coa firma do alcalde ourensán que a listaxe de auxiliares "non forma parte de ningún expediente" e que o de usuarios (nunca elaborado pola empresa) non o pode facilitar "en base ao disposto no artigo 7.3 da Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal".
Con máis de 20 anos de experiencia no sector, López R Auditores e López R Consultores, da que Alberto López é fundador, realiza traballos de auditoría, consultoría, asesoría fiscal, asesoría legal, xestión integral de empresas e servizos de apoio.
O capital social desta empresa está no tramo de máis de 100.000 euros, cunha cantidade de empregados de entre 1 e 10 e unha facturación de entre 750.001 e 1.500.000 euros. Lopez r. Auditores S.l é unha empresa dedicada a Realizacion de Auditorias Financeiras Operativas, de Xestións de todo tipo, tanto a Empresas Como a Organismos da Administracion Publica. Asesoramento Contable, Fiscal, Mercantil, Administrativo, Laboral e Organizativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.