Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/12/2021 | Actualizada ás 14:00
Os sanitarios galegos mobilízanse contra a xestión do Sergas e as obrigacións da Consellería de Sanidade a que o persoal do Servizo traballe "gratis". A CIG vén de convocar concentracións en todas as áreas sanitarias de Galicia para denunciar unha problemática xa tratada polo Galicia Confidencial, e que garda relación coa instauración de quendas continuadas por parte da Consellería como forma de facer fronte a unha escaseza de persoal recoñecida pola propia Xunta de Galicia.
De aí que a CIG "se pregunte" en que "gasta a Xunta o diñeiro público e os fondos covid". Dende o sindicato aseguran que a situación da atención primaria é "insostible" nestes momentos pola "falta de persoal", que a formación vencella en particular aos médicos e enfermeiros e que ve unha consecuencia "das políticas de persoal que aniquilaron estes postos de traballo", apuntando directamente á Xunta.
E é que, segundo o CIG, o problema iría máis alá destes grupos profesionais. Neste aspecto, a formación apunta á existencia doutras categorías sanitarias, como odontoloxía e fisioterapia, nas que "hai suficientes profesionais nas listas de contratacións, mais o SERGAS négase a contratalas". O resultado é que, como xa recolleu o GC, a Consellería de Sanidade estaría a "obrigar" a traballar ao persoal xa dispoñible con incrementos de xornada de dubidosa planificación e no que non se contempla pagar os pluses que dende o sindicato ven preciso.
"O SERGAS non pode pretender que o persoal traballe gratis", afirman dende o sindicato, que insta á Consellería a recoñecer a penosidade para todos os profesionais que presten quendas de noite, en domingos ou festivos. Á parte, apunta á necesidade de eliminar as longas listaxes de espera e afea as "excusas" diversas de Sanidade a este respecto.
CONCENTRACIÓN NO BARBANZA
Ás concentracións apuntadas pola CIG súmaselle a anunciada pola Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza, que este mesmo día 9 denunciará a situación do servizo de cirurxía do hospital cunha recollida de reclamacións desenvolta ante a porta do hospital do Barbanza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.