Por GC Tendencias | Nantes, Bretaña | 06/04/2014 | Actualizada ás 23:02
Ademais é que esta bomba emotiva que provocan os grandes artistas multiplícase cando, máis alá do arte, existen lazos emotivos concretos de afinidade: orixe xeográfica, gusto particular pola disciplina practicada polo artista, identificación coas mensaxes transmitidas, ou mera simpatía persoal pola figura en cuestión. E hei de recoñecer que neste caso cúmprenseme todos os puntos.
Neste artigo quero falar do fantástico espectáculo ofrecido por Carlos Núñez nesta noite do 5 de Abril en Nantes, pero cústame facelo sen efectuar desvíos temporais que me envían a miña infancia (cando vin un concerto seu por primeira vez, tendo eu 11 ou 12 anos, no auditorio Gustavo Freire de Lugo) e sobre todo a un montón de momentos pasados fora da Galiza. E é que como xa dixen, para min a súa figura vai máis alá do músico.
Vai uns meses nun artigo sobre os “lugares de memoria” falaba sobre a Muralla de Lugo e a súa simboloxía, e creo que se volvese a acudir a esa definición de lieux de mémoire dada por Pierre Nora, o noso gaiteiro universal encaixaría perfectamente nese selecto listado de lugares ou persoas que son referencia emotiva e identitaria para tantos tanto a escala local como universal.
A nivel internacional xa vai tempo que son coñecidas por todos a magnitude e dimensión do vigués. Se quedase algunha dúbida, bastaría con botar un ollo aos seus vídeos en youtube para observar as súas múltiples presenzas e lazos con tantísimos artistas e recunchos do planeta: Xapón, Arxentina, Brasil, Irlanda, Escocia, Gales, Cuba, Bretaña, USA (onde xustamente ven de facer unha exitosa xira)… e tantos outros.
Reducindo a escala poderíamos atopar o que Carlos Núñez significa para o mundo celta e os seus territorios. Nesta dimensión é onde xa se converte nun tótem. O seu traballo é un emblema de vangarda musical, unha carta de presentación para os países que comparten esta cultura común. É respectado, querido e admirado por infinidade de compañeiros e sobre todo polo público nativo destes terras que principalmente son os fisterras europeos e as súas diásporas (maiormente América do Sur e América do Norte).
Aumentando o zoom do carlosnuñecismo chegamos ao lugar onde é o @gaiteiro (o é tamén en twitter), a bandeira, o mito: a terra galega. Para os galegos Carlos Núñez é, como cando falábamos da Muralla de Lugo, ese comodín infalible para presentar con orgullo algo que sentimos como propio. Compartimos os seus vídeos nas redes sociais, mandámolos por e-mail se temos que explicarlle a alguén de onde vimos, poñemos os seus CDs se facemos unha festa galega na casa… Pero non só iso, ademais do símbolo, Carlos Núñez é un punto de retorno. Somos un pobo habituado a circular polo mundo adiante, pero tamén un pobo apegado as nosas raíces, e que por iso, emigremos o estranxeiro, ou non saiamos das nosas fronteiras, necesitamos volver como o tango de Gardel. ¿Quen non sentiu morriña ou saudade aínda estando en casa? Somos así. E volvemos as raíces máis profundas en momentos como Ortigueira, vendo vídeos cos goles do SuperDepor ou do EuroCelta, lendo a Castelao ou a Rosalía… e escoitando, entre outros, a Carlos Núñez.
No meu caso hei de agradecerlle moito a este gaiteiro universal por tantos momentos que me ten arranxado dende as súas melodías. Non sempre pode volverse a casa a cargar as galegobaterías, pero ¡cantas veces volvín coa “Irmandade das estrelas”, “Mar adentro”, “O Cabalo Azul”, “Un galicien libre à Paris”…!
Esta noite tivo lugar o seu concerto en Nantes, “unha das capitais do mundo celta” como el mesmo definiu. A aperta mutua entre el a cidade foi espontánea e natural como a vida mesma. O “Celtic Festival” festexaba a súa segunda edición con artistas formidables e moi recoñecidos como as Avalon Celtic e as súas fermosas danzas tradicionais, o Bagad De Saint-Nazaire, Celkilt, Les Marins D'Iroise e o seu cancioneiro mariñeiro… pero o mesmo presentador foi claro: “le plus attendu”, o máis agardado… chegaba o final e tiña acento galego.
Foi un espectáculo á altura das expectativas, no que Carlos amosou, ademais do seu xa coñecido talento, as súas dotes de orador, comunicador e promotor de todos os valores que el representa: simpatía, agarimo, humanidade, respecto polo seu traballo, respecto polo seu público, e unha galeguidade forte é integradora. Un galego irmao da Bretaña e irmao do mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.