Por E.P. | A CORUÑA | 28/12/2021 | Actualizada ás 17:59
O Concello de Betanzos optou, ante a situación sanitaria, por organizar a recepción dos Reis Meigos nas pistas polideportivas cubertas do Carregal en lugar de celebrar a cabalgata, segundo informa. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, despois de valorar xunto aos técnicos municipais a situación polo contexto de pandemia e a incidencia de contagios.
"O risco que supón as aglomeracións de persoas durante o paso das carrozas pola situación da pandemia fai que reformulásemos a programación que tiñamos organizada da cabalgata", indicou a alcaldesa.
O goberno local considera que a pista polideportiva onde terá lugar a recepción aos Reis Meigos é "un espazo aberto no que se poderá manter a distancia de seguridade e no que os máis pequenos, acompañados de adultos, poderán saudar e entregar na caixa de correos real as cartas".
Por outra banda, dada a situación sanitaria, tamén acaba de suspender a San Silvestre prevista para o día 31, na que había inscritas máis de 500 persoas, ademais dunha viaxe a Vigo que tiña organizado a Concellaría de Mocidade e o concerto da orquestra Gaos, debido á situación sanitaria de varios dos seus membros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.