Por Galicia Confidencial | San Xoán de Río | 10/01/2022 | Actualizada ás 22:00
"Para pobos en perigo de extición, a pandemia ofrece novos desafíos e esperanza”, é o titular co que a corresponsal, durante 10 anos en Oriente Medio do The Wall Street Journal (WSJ), Isabel Coles, e o fotógrafo, gañador dun premio Pulitzer, Manu Bravo, describen a historia e futuro dunha das zonas mais avellentada de Europa. Ambos, acostumados a reportaxes de guerra, chegaron a un lugar de Europa, o concello ourensán de San Xoán de Ríos, que perdeu mais do 80% da súa poboación. Un lugar no que por cada nacemento hai 20 mortes. Con todo, no último ano, e dende 1950, aumentou en poboación.
O WSJ, xornal económico, destaca que Europa é o continente mais avellentado do mundo, con 44 anos de idade media, e en 2050 esta media subirá ata os 48 anos. San Xoán de Río e outros concellos do rural ourensán superan os 63 anos de idade media, debido en gran medida a gran lonxevidade das súas xentes, un 10% da poboación pasa dos 90 anos. "Así que unha viaxe a San Xoán de Río sería unha viaxe ó futuro de Europa, mais a realidade son as verbas desta triste reportaxe", apunta Xoán Miguel Pérez, alcalde deste concello que tamén aparece na reportaxe.
"Fai 40 anos todas as parroquias tiñan unha escola, tenda, bar, nenos nas aldeas, etc, eramos mais de 3.000 veciños, pero colapsou (ou fixeron colapsar) o sistema rural, obligando a emigración forzosa as cidades ou zonas industrializadas a maioría dos nosos veciños. Pecharon dende fai 40 anos todas as escolas e comercios das nosas parroquias, e dende fai algo menos de tempo, tamén pechan todos os servizos e comercios que habían na capital municipal (Trives), ata o punto de a día de hoxe quedar únicamente un bar, unha tenda de ultramarinos, unha farmacia, o centro de Saúde, a residencia e 2 panaderías", asegura.
OS VELLOS, O MOTOR ECONÓMICO DO CONCELLO
Por iso, e tal e como recolle o xornal norteamericano, o gran motor económico deste pobo é a residencia de maiores, que é a empresa máis grande asentada no concello. Esta residencia e o propio concello son os dous entes que máis emprego dan na localidade.
En todo caso, o rexedor, fichado recentemente polo PPdeG, destaca que, por primeira vez dende 1950, aumentaron en poboación. "Hai moita xente, que dándoselle a oportunidade, voltaría o rural e sobre todo, temos a 500 heroes que siguen resistindo a abandonar o noso concello e que temos que protexer dandolle os mellores servizos para evitar a súa emigración", sinala.
Por iso, destaca que esta reportaxe axudará para que "sexan escoitados" e que a esta terra sexa tamén "zona de inversións e de futuro". "Demostramos nesta pandemia que se pode cambiar a tendencia, que hai que atraer o talento o rural e que podemos mudar este sistema que quere concentrar o 80% da nosa poboación no 15% do territorio, polo tanto esta reportaxe para nós é un SOS RURAL para os nosos dirixentes", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.