Un estudo sitúa ás mulleres galegas como "máis emprendedoras" que os homes

Así o apunta o informe do GEM Galicia 2020-2021.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

As mulleres galegas, máis emprendedoras. Esa é unha das principais conclusión do Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021, un estudo desenvolto polo Grupo GEM que artella un seguimento da actividade emprendedora na nosa comunidade autónoma. Realizado a partir de datos recollidos en setembro de 2020, o informe apunta a como a crise da COVID-19 provocou un "lixeiro parón" da actividade emprendedora, situándose a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) en Galicia en 2020 nun 4,3%.

Rúa en imaxe de arquivo. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Rúa en imaxe de arquivo. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

Iso si, o informe mantén ás mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, nun impulso emprendedor (5%) superior ó masculino (3,5%). O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia: idade media sitúase en torno aos 40 anos, cada vez con máis estudos de formación profesional e  superiores. Nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe dos emprendedores e emprendedoras as con estudos de posgrao (un 28%).

Dende o Grupo GEM aseguran, asemade, que o impacto da COVID-19 supuxo para as iniciativas emprendedoras unha "importante diminución de ingresos" (no 58% dos casos), máis dificultades na creación de empresas e dun xeito máis acusado nas de menos idade (76%), un empeoramento das súas expectativas. O fenómeno emprendedor pode resumirse en ver oportunidades onde outros ven problemas, de aí que o 34% dos propietarios de empresas xa consolidadas vexan oportunidades na crise da COVID-19.

Con todo, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade emprendedora, aínda que de xeito menos acusado entre as persoas emprendedoras. Entre a poboación en xeral, o medo ao fracaso é dun 65%, mentres que entre as persoas emprendedoras baixa ao 52%; no que respecta á percepción de oportunidades para emprender, o 17% da poboación percibe oportunidades, mentres que entre os/as que xa emprenderon sube ao 19%. Ademais, este índice é mais acusado no caso das mulleres, que perciben mais dificultades, aínda que, finalmente, alcanzan as mesmas ou superiores taxas de emprendemento. Nestes dous aspectos Galicia en particular, e o conxunto de España en xeral continúan lonxe da media da UE (47% en medo ó fracaso e 40% en percepción de oportunidades).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta