A acción de ouro

No mundo das empresas cotizadas chámase “acción de ouro” a unha participación que confire ao seu poseedor o que poderíamos denominar superpoderes: a capacidade de, independentemente da porcentaxe de capital que esa participación supoña, poder vetar determinadas decisións no seo da empresa.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 20/01/2022

Comparte esta noticia
Esas accións de ouro eran comúns na man do Estado logo dos procesos de privatizacións de empresas estratéxicas, o caso de Repsol, Endesa, Iberia ou Telefónica por citar unhas poucas, emprendidos por Aznaz durante o seu primerio mandato, cando menos de forma temporal, ou mesmo de forma dilatada no tempo, en empresas que eran consideradas sistémicas para a economía.  Por exemplo, xa fora das nosas fronterias, a capacidade de veto do goberno de Baixa Saxonia no consello de Volkswagen. Reteñan esa idea da acción de ouro.
 
Escoitaba hai algunhas semanas ao vicesecretario de Comunicación do Partido Popular, Pablo Montesinos, desgañitarse na radio esixindo que: “Os xuices escollan aos xuices”, como solución ao bloqueo no que o seu partido mantén a renovación do Consejo General del Poder Judicial (xa tres anos). “Que os xuices escollan aos xuices” é o mantra que o Partido Popular repite unha e outra vez, como receta para garantir a imparcialidade dun Consejo tantas veces, demasiadas veces, no centro da polémica: que os xuices escollan aos xuizes é presentado como o remedio infalible a unha criticada “politización” da xustiza.
 
As verdadeiras razóns da esixencia do Partido Popular, o que verdadeiramente está detrás dese mantra non é outro que o desexo de conservar a “acción de ouro” que hoxe detentan sobre o marco lexislativo do que se dota o país, sobre a interpretación  das leis que saen do Congreso.
 
Baltasar Garzón nunha recente entrevista desmontaba todo o argumentario das mesmadas de Pablo Casado nunhas poucas frases que paga a pena reproducir na súa integridade: “É falso que xenere mais independencia que os xuices escollan ao Consejo General del Poder Judicial. Pasaríamos dun suposto control político ao real control das asociación. En España non hai unha maioría conservadora, temos un goberno de coalición progresista; pero na xustiza o compoñente conservador é abrumadoramente maior. Unha elección corporativa simple levaría a unha dirección conservadora da xustiza.”.
 
Poñamos números ás afirmacións de Garzón. Son catro as asociacións profesionais que agrupan ao 99% dos xuices afiliados a algunha das seis existentes. A asociación maioritaria é a conservadora Asociación Profesional da Maxistratura, que contaba a finais de 2021 con 1.339 socios. Tamén é de carácter conservador o Foro Xudicial Independente, con 335 afiliados, é a cuarta asociación en número de socios. Conxuntamente estas duas asociacións, que configuran un bloque entre conservador e retrógado, suman perto do 57% do xuices que forman parte dalgúnha asociación. A Asociación Xudicial Francisco de Victoria, que se posiciona como centrista, agrupa a 843 xuices, o 28% do conxunto dos asociados a algunha. Xuices e xuizas pola Democracia, de carácter inequívocamente progresista, conta con 462 asociados, pouco mais do 15% do total de xuices que forman parte dalgúnha asociación. As cifras non ofrecen dúbida algunha, o perfil do xuiz, e da xuiza, en España é o dunha persoa de convicións maioritariamente conservadoras, cando non reaccionarias. Nada parecido ao que a cidadanía vota. Este sesgo é difícil que cambie, cando menos a curto e medio prazo. O acceso á carreira xudicial é selectivo, tremendamente selectivo, e non nos referimos só á dureza das probas, senón á capacidade económica coa que hai que contar para preparar a dura oposición, que require de anos de dedicación exclusiva, e o pago de preparadores durante todo ese tempo.
 
Cando o Partido Popular repite incansable e machaconamente  ese “Que os xuices escollan aos xuices” sabe perfectamente o que fai. Porque ten que defender os seus intereses. Ignacio Cosidó, naquel momento portavoz popular no Senado,  o dixo moi ben naquel mensaxe de finais de 2018 no que afirmaba a capacidade do PP de manexar, “pola porta de atrás” á Sala do Penal do Tribunal Supremo. O Partido Popular, coa súa letanía,  quere conservar esa acción de ouro, ese superpoder, para dificultar un goberno progresista, independentemente do que a cidadanía pense, sen importar o que a cidadanía vote. A xudicialización da vida política explícase así perfectamente. O Partido Popular ten nos mais altos estamentos da xudicatura bos amigos, amigos sempre dispostos a botar unha man cando iso da democracia ven mal dada para os intereses mais conservadores. Tal vez non podan facer as leis, pero poden “vetar” a concreción das interpretacións mais progresista do que cabe no marco constitucional. A nova polémica arredor dos informes sobre a lei de vivenda non é mais que un exemplo da guerrilla xudicial que o PP promove contra a capacidade da maioría do Congreso de lexislar. 
 
Seguramente a forma na que se escollen os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial debe ser revisada, por exemplo en ámbitos como blindar os perfiles para evitar o desembarco no mesmo de persoas de recoñecida militancia, e belixerancia, partidaria. Pero non é iso o que o Partido Popular demanda. 
 
Cando escoitemos a Montesinos berrar, tanto neste como noutros temas, o que debemos preguntarnos é cales son os intereses que cos seus berridos pretenden agochar.

O presidente do PP, Pablo Casado, intervén na última Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña de 2021, a 17 de decembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
O presidente do PP, Pablo Casado, intervén na última Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña de 2021, a 17 de decembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.