O BNG esixe a comparecencia de Francisco Conde tras a sentenza que anula a repotenciación dun parque eólico

O Bloque presentará unha batería de iniciativas para reclamar "unha nova planificación eólica que respecte o medio ambiente e as persoas que viven no medio rural".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/01/2022 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento de Galicia a solicitude de comparecencia "urxente" do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme, Ponteceso.

O deputado do BNG Luís Bará
O deputado do BNG Luís Bará | Fonte: BNG.

Así o anunciou o parlamentario do Bloque Luís Bará, quen, a pesar de que a sentenza non é firme e de que cabe recurso, cualificouna de "contundente", ao asegurar que confirma a "vulneración" da Xunta do dereito ambiental da Unión Europea e da lexislación ambiental do Estado ao "non respectar os prazos mínimos na información pública da avaliación ambiental durante 30 días e reducila a 15".

Para o nacionalista, este proceder demostra "ata onde está disposta a chegar a Xunta" para favorecer "de forma descarada" os intereses das grandes empresas eléctricas.

Tras cualificar de "depredador" o modelo eólico do PP, anunciou que o BNG presentará unha batería de iniciativas para reclamar "unha nova planificación eólica que respecte o medio ambiente e as persoas que viven no medio rural".

O deputado do Bloque asegurou que a Xunta actúa como unha "xestoría" da grandes eléctricas e que, para iso, leva doce anos modificando as normas que regulan o sector como a Lei de aproveitamento eólico, a Lei de iniciativas empresariais e a modificación da Lei de reactivación económica no 2021, co obxectivo de "favorecer ás empresas, eliminar os prazos e reducir as garantías de control e supervisión, por parte da administración".

A maiores, engadiu, a Xunta anuncia unha nova modificación "pola porta de atrás" para, a través da Lei de áreas empresariais, dar preferencia aos parques que destinen o 50% da enerxía que producen á industria con contratos de prezo fixo. Esta nova modificación, para Bará, é unha nova "patente de corso" para poder "burlar" a propia planificación e normativa da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta