Por que pregunta Metroscopia por Feijóo e pola aceptación da enerxía eólica?

Esta empresa realiza un traballo demoscópico en Galicia interesandose pola preferencia que os cidadáns teñen do sector eólico e nuclear e sobre a figura do presidente da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Metroscopia, instituto privado de investigación da opinión pública en España, leva días chamando a cidadáns galegos para a realización dun estudo de opinión. Unha sondaxe na que mestura entre as súas preguntas a opinión sobre o sector eólico e nuclear, coa opinión sobre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o de Iberdrola, Ignacion Sánchez Galán, reúnense en Santiago. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o de Iberdrola, Ignacion Sánchez Galán, reúnense en Santiago. XUNTA

Segundo puido saber Galicia Confidencial, os traballadores de Metroscopia comezan a súa entrevista preguntando sobre o sector das enerxías renovables e acaban preguntando sobre o clima político e as preferencias políticas dos cidadáns.

Así, a entrevista céntrase, sobre todo, na enerxía eólica e na enerxía nuclear e se o entrevistado estaría disposto a ter muíños eólicos ou unha central nuclear no seu concello. As preguntas derivan despois sobre preferencias políticas. É entón cando se pregunta sobre o sentido de voto en pasadas eleccións e en futuras eleccións.

E, neste punto, chama a atención que se pregunte directamente sobre a figura de Alberto Núñez Feijóo, sobre a súa imaxe como presidente da Xunta e se pode ser un bo presidente do Goberno de España. "E que non entendo como poden mesturar nunha mesma enquisa cousas tan diferentes como a enerxía eólica e a Alberto Núñez Feijóo", apunta unha das persoas entrevistadas a Galicia Confidencial.

METROSCOPIA

Metroscopia leva desde o 2004 facendo estudos demoscópicos. Foi fundada por José Juan Toharia Cortés, sociólogo e catedrático español, que actualmente preside a empresa. Metroscopia está especializada en sondaxes de opinión, enquisas electorais e de posicionamento ideolóxico, e análise do clima social e económico en España, entre outras facetas.

"Combina a dilatada experiencia demoscópica do seu equipo profesional cun espírito de innovación, apertura e permanente curiosidade. O seu capital social está controlado polos profesionais que a integran, o que garante a súa total independencia de calquera grupo económico, social ou político", apunta a empresa na súa páxina web.

"O seu esforzo por dar a maior divulgación posible a todos os seus datos (coa única excepción dos cubertos por unha cláusula de confidencialidade) deriva da súa concepción da investigación social como un servizo público que, ao propiciar un mellor auto-coñecemento da nosa sociedade, pode contribuír á consolidación da cultura democrática", engade.

Entre os traballos que realiza están as sondaxes políticas e preelectorais, barómetros de clima social, estudos de cultura cívico-política, análise de confianza institucional, preparación de debates, informes de intelixencia, estudos de mercado, barómetros de clima empresarial e de imaxe corporativa, posicionamento polítco e xestión de crise.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 José

Feijoo retírase en pouco tempo. Non o queren en España porque está manchado de fariña e o país xa vai fartiño dél como para arriscar en novas elecions e ser derrotado. Así que prepara o seu retiro dourado (outra vez) en Ence ou nunha eólica, coma a súa ex-conselleira.

1 Sentidiño

Logo se chaman hai que dicir que "Fóra os muíños!", e que queremos un fillo do presidente...

1 Gamela

Se chaman, que estamos a favor dunha Central Nuclear en Cervo e de reabrir o depósito de residuos nucleares na Fosa Atlántica ! E cicais habería que estudar un Parque Eólico no Camiño de Santiago, de Roncesvalles á Fisterre !