Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 13:29
A parroquia de Salcedo prepárase para acoller este domingo 30 de xaneiro a décima edición dunha das probas deportivas máis populares das que se celebran en Pontevedra, a Carreira Pedestre San Brais, na que poderán participar persoas de tódalas idades, desde categoría chupete até veteranos de máis de 70 anos.
A falta dunhas horas para que se peche o plazo de inscripcións, a clásica, organizada pola Asociación Veciñal Salcedo Norte en colaboración coa Concellería de Deportes, xa ten 126 adultos e 146 nenos e nenas inscritos, o que supón unha das súas cifras máis destacadas en idades infantís.
O percorrido da proba, que foi presentada no Concello polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta de Salcedo Norte, Mónica Lustres; o responsable da carreira José Luis Gallego, e o seu responsable de seguridade, José Victorio Moure, terá unha lonxitude variable en función da categoría.
Así, os nenos e nenas de categoría chupete (de 0 a 4 anos) completarán 100 metros, os de pitufo (de 5 a 7) 250 metros, os de benxamín e alevín (de 8 a 11) 500 metros, os de infantíl (de 12 a 13) 800 metros, os de cadete e xuvenil (de 14 a 17) 1.450 metros e os maiores de idade 6.500 metros.
O concelleiro de Deportes amosouse "tremendamente satisfeito" de que "esteamos a recuperar unha carreira que era xa tradicional en Pontevedra, que formaba parte do noso circuíto de carreiras populares e coa que ademais empezaba dito circuíto, que é moi especial e que ten unha dificultade que a fai moi interesante: os corredores de carreiras populares precisan sempre elementos de dificultade para facer atractiva a carreira e esta as ten".
"Esta proba é un xeito de dinamizar a zona, animar á xente a volver practicar actividade física e a que pase un día divertido e diferente, correndo e coñecendo o noso contorno rural. Agardemos que esta iniciativa, que parte das asociacións do barrio de San Blas, se poida facer extensiva a outros barrios e parroquias", asegurou Tino Fernández.
Mónica Lustres expresou a súa ledicia polo regreso da carreira, así como o seu agradecemento a Concello, entidades colaboradoras e, sobre todo, "aos veciños, que son os que realmente fan que isto sexa posible, axudando tanto no avituallamento como nas diferentes zonas do percorrido".
Para a presidenta de Salcedo Norte, "é unha grata sorpresa que, despois de tanto tempo sen contacto e relación, todos teñan tantas ganas de volver retomar este proxecto, que agardamos que anime a moitos outros".
CERTIFICADO COVID
A carreira Pedestre San Brais 2022 pecha hoxe ás 23:59 horas o prazo para realizar as inscripcións, que poden tramitarse en tódalas categorías a través desta páxina web.
As persoas maiores de 12 anos só poderán participar se contan cun certificado Covid dixital da UE en vigor no que se indique que teñen a pauta de vacinación completa, ou que teñen unha proba diagnóstica SARSCoV2 negativa, ou que están recuperadas da Covid-19, ou ben se achegan o resultado dun test de antíxenos ou PCR negativo cunha antelación de 72 horas.
"O certificado, indicou Tino Fernández, terá que presentarse inescusablemente, impreso ou nun dispositivo electrónico, á hora de recoller o dorsal". Aos participantes de 11 ou menos anos non se lles solicitará ningunha proba anti Covid nin certificado e deberán competir coa mascarilla ben posta, cubrindo sempre o nariz e a boca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.