Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 22:23
Os concellos do coñecido como 'triángulo máxico' do Entroido, o entroido galego, decidiron suspender os grandes eventos destas datas ante a situación epidemiolóxica, pero mantéñense outros espectáculos como desfiles. Así, un ano máis, Galicia non poderá contar coa festa de Comadres en Verín, o 'Fareleiro' --festa na que se lanza fariña-- en Xinzo e a 'Morena' en Laza.
A decisión tomouse de forma conxunta na sala de plenos do Concello de Xinzo de Limia, que albergou este martes unha reunión dos alcaldes de Verín, Laza, Xinzo, e ademais, Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
O acordo foi unánime, de forma que só haberá charangas e disfraces individuais polas rúas, de forma que se poidan evitar as aglomeracións. Así, excluíronse tamén orquestras e concertos, así como eventos programados.
A reunión, que tiña como obxectivo salvar a celebración da festa declarada de interese turístico nacional, pero respectando medidas sanitarias, foi cualificada polo tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, de "reunión histórica". Así, coincidiron na necesidade de "asentar os mesmos criterios porque non tería sentido programar de maneiras distintas" en cada un dos territorios do 'triángulo máxico'.
LAZA
En Laza, o alcalde, José Ramón Barreal, trasladou que non haberá foliones nin tampouco luns borralleiro e tampouco a baixada da Morena. "Será unha festa máis de rúa, evitando aglomeracións, un Entroido máis local", apuntou. Si se manterá o máis característico deste Entroido ourensán, os peliqueiros. "Iso non podía faltar", dixeron.
Con todo, o alcalde indica que "non hai autoridade xurídica nin legal" para prohibir a ninguén saír á rúa a celebrar estes actos, por iso pide "responsabilidade cidadá e sentido común", cousas que asegura, "en Laza hai dabondo". "Non imos ter ningún problema, todo o mundo vaise a poder disfrazar e respectar as normas", sinalou.
VERÍN
Unha situación similar a que vive o Concello de Verín, sairán os cigarrones porque "sen eles non sería nin Entroido nin nada", di o tenente alcalde, pero polo momento aínda non avanzan cal será o programa de actividades que haberá. Si adianta que "hai Xoves de Comadres, non o típico, pero si teremos Comadres".
Aclara con iso que "sen baixada do Camiño Real para evitar aglomeracións pero a xente poderá acudir igual ás súas ceas, á hostalaría". "Os cigarróns e comadres son esencia deste Entroido, non pode ser doutra maneira", di Diego Lourenzo. "Será un Entroido local e diferente, a xente ía saír á rúa, esta é unha festa dos veciños, houbo moito debate sobre se Entroido si ou Entroido non, e si pero con prudencia", sinala.
XINZO DE LIMIA
En Xinzo de Limia a valoración repítese. O protocolo non afecta as decisións que xa tomaran o tres concellos polo que manterán o que xa acordaran: non haberá fariña no domingo fareleiro e tampouco petardazo, pero respectaranse os días de celebración.
"Avogamos por un Entroido de transición", di a rexedora, Elvira Lama. "Celebremos de día para que non haxa incidencias de noite", pediu, igualmente, con respecto a que o protocolo da Xunta permite un "horario un pouco máis flexible para a hostalaría, un sector moi danado".
Queda por saber as decisións que asumen Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda, que manterán unha segunda reunión este xoves para falar dun Entroido que consideran "máis rural".
PROTOCOLO DA XUNTA
O protocolo da Xunta de Galicia si permite os desfiles e os bailes sempre que cada un dos concellos adopte todas as medidas necesarias para garantir o uso correcto dos espazos nos que se desenvolvan. Ademais, é obrigatorio que se respecte a distancia de seguridade entre persoas e o uso de máscaras en todo momento, tanto para participantes como para público.
Así mesmo, no protocolo se específica a prohibición de fumar aínda que sexa en espazo público e a obrigación de presentar os certificados covid para acceder a espazos pechados con máis de 200 persoas.
O rexedor de Laza, José Barreal foi o máis crítico co documento, ao apuntar que "non foi máis que un brinde ao sol", porque "é moi fácil dicir que cada concello vixíe as aglomeracións, pero non é tan fácil de cumprir". De aí a decisión de non convocar os eventos típicos que no Concello, que "supuñan grandes masificacións". Todos afirman que "foi máis laxo" que as decisións que se marcaron a si mesmos os concellos, polo que coinciden en que "navegan na dirección correcta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.