Por Galicia Confidencial | Arousa | 29/04/2014 | Actualizada ás 13:47
Xa hai algún tempo que se coñece pero non foi ata agora que se fixo público tras aparecer publicado un artigo na revista científica Zookeys. Trátase do descubrimento, en augas da Arousa, dunha nova especie; trátase dun verme plano duns tres centímetros de lonxitude de rechamante cor amarela.
Foron membros do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), un grupo de biólogos, ecólogos e apaixonados do mar, os que o descubriron. O verme, unha planaria, foi descuberto nas inmediacións do clube náutico de Ribeira (A Coruña) e foi bautizado co nome de 'eurylepodes galikias'.
O GEMM agrupa a persoas con interese no estudo e conservación da fauna mariña e que leva anos dedicado ao labor de conservar, catalogar e dar a coñecer a fauna mariña das rías galegas. A especie, que non se coñecía até agora, foi descrita por primeira vez no traballo publicado pola revista de divulgación científica.
Investigación sobre a ría da Arousa
Nesta investigación, centrada nas planarias --nome dos vermes planos--, danse conta do número destes animais que viven nas augas galegas e no atlántico peninsular. Todos eles están presentes na ría de Arousa.
Este traballo é o primeiro dunha serie que están a ser elaborados en colaboración co Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, que darán a coñecer novos datos doutras especies pertencentes a este grupo taxonómico, en xeral bastante descoñecido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.