A Cidade da Cultura transfórmase en cinema esta fin de semana para acoller 80 curtos no festival Pequefilmes

Participan obras de máis de 20 países.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura acolle este sábado e domingo o festival de curtametraxes infantís Pequefilmes 2022 organizado pola Xunta de Galicia. Nesta sexta edición do festival, proxectaranse máis de 80 curtos nos auditorios 1 e 2 do Edificio CINC e que terán como xurado ás nenas e nenos asistentes.

O festival organízase en dúas seccións: 'Miñocas', para nenas e nenos a partir dos tres anos, e 'Fanecas', a partir dos sete anos. Ademais, a selección desta edición inclúe dúas colaboracións especiais, fóra de concurso, realizadas en colaboración co Festival Clermont-Ferrand e co festival galego de cinema escolar Olloboi.

A programación abarca todos os estilos e xéneros, tanto en animación como en imaxe real, nunha aposta por ofrecer cinema de calidade para o público infantil máis esixente e por cultivar o gusto polo audiovisual e o ollo crítico desde idades temperás. Neste sentido, será o público que acuda os días 29 e 30 de xaneiro quen decida cos seus votos cales son as mellores curtametraxes de Pequefilmes 2022, no que participan obras procedentes de máis de 20 países.

As entradas para ver as curtametraxes en pantalla grande na Cidade da Cultura poden adquirirse, desde 3 euros por sesión, en ataquilla.com e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás. Para ver Pequefilmes en liña, os pases están á venda a través da plataforma Festhome ao mesmo prezo por sesión, coa posibilidade de adquirir tamén un bono a un prezo de 25 euros para todo o festival.

PRODUCIÓNS DO CINCO CONTINENTES

Os filmes seleccionados entre as máis de 300 propostas recibidas inclúen producións dos cinco continentes, desde Australia e Corea do Sur ata Colombia e Brasil, pasando por países cunha longa tradición na creación de cinema infantil e de animación como Rusia, Francia ou os Estados Unidos.

A representación galega este ano vén da man de 'Atopando o Camiño', dirixida por Andrés Castro e María Fanjul e protagonizada polo alumnado do colexio CEIP Parada-Campañó (Pontevedra).

Para levar Pequefilmes máis aló do Gaiás e que as nenas e nenos de toda Galicia e de España poidan sumarse ao festival, se aposta por manter un formato híbrido, con sesións presenciais e en liña. Unha iniciativa que, segundo a Xunta, tivo boa acollida na pasada edición e que este ano se consolida como unha opción máis para gozar do festival.

Festival Pequefilmes. XUNTA
Festival Pequefilmes. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta