Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 14:20
Nova denuncia do Colectivo Berro Seco, a agrupación que nas últimas semanas se vén de erixir como líder na mobilización contra as actuais restricións sanitarias impostas por Xunta e Goberno. A organización integrada por Lidia Senra vén de cargar contra a votación no Congreso dos Deputados para manter a obrigatoriedade da máscara en exteriores, un sufraxio que, din, está a "perverter a democracia".
Dende a organización destacan o feito de que o PSOE propuxera a votación desta medida de forma conxunta coa revalorización das pensións, de xeito que se deixou practicamente garantido o apoio da oposición --como finalmente aconteceu-- á medida restritiva polo impopular de opoñerse á amentada revalorización. Por iso denuncian que se trata dunha "farsa política" e "un acto antidemocrático, xa que nada ten que ver unha cousa coa outra".
"Xuntar as dúas votacións foi a connivencia perfecta entre a esquerda e a dereita. O goberno e os seus socios usaron as pensións para sacar adiante a máscara e as dereitas na oposición usaron a máscara para votar en contra das pensións", explican. Dende Berro Seco tiran como conclusión que o goberno de Pedro Sánchez "está intentando lavar a pésima imaxe que está ofrecendo desde o inicio da pandemia".
Ante estas circunstancias, a plataforma reclama que se poña fin a esa "perversión da democracia" con "subterfuxios parlamentarios" e esixen a todos os partidos políticos que teñen representación no Congreso dos Deputados "que expliquen a súa posición sobre o acontecido onte no Congreso e sobre o uso obrigatorio da máscara sanitaria". Neste aspecto, inciden tamén en que "existen ducias de informes que demostran a ineficacia desta medida na transmisión da COVID19 á vez que pode conlevar riscos innecesarios para a saúde, especialmente das crianzas e dos adolescentes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.