Primeiras actividades en Valdeorras para honrar a Florencio Delgado Gurriarán

O proxecto 'As Letras de Florencio' programa un roteiro por Córgomo, vila natal do poeta, e vén de estrear un podcast para achegar ao autor ás novas xeracións.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 06/02/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As Letras Galegas deste ano dedícaselle ao intelectual valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, e dende o seu Córgomo natal vanse realizar numerosas actividades promovidas polo proxecto cultural “As letras de Florencio” --integrado por varios concellos de Valdeorras e co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia--.

Portada Podcast
Portada Podcast

A primeira delas será este domingo 6 de febreiro e consistirá nun roteiro pola aldea que viu nacer e tanto inspirou a este autor. Co nome de “Ruada con Florencio polas Candeas” farase unha visita que terá como guía a Fernando Santalla, veciño e familiar do homenaxeado, que “axudará a mirar cos ollos do Florencio máis mozo, descubríndonos episodios históricos e outros persoeiros da aldea".

O roteiro partirá ás 16:30 h. da Praza do Pobo de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, e non é preciso inscrición previa.

PODCAST SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Este proxecto, que impulsa tamén 'As letras de Florencio', é unha creación do xoven escritor e activista cultural valdeorrés Jorge Moral, que ademais será o condutor do mesmo. Consta de doce capítulos que se publican no último domingo de cada mes durante este 2022. O primeiro fíxose xa este pasado 30 de xaneiro, baixo o título "Do que non se fala, pouco se sabe", e tratou sobre as facetas humana, política e literaria de Florencio.

Jorge Moral en Córgomo cunha escultura de Florencio Delgado Gurriarán obra de Anxo Baranga. Foto cedida.
Jorge Moral en Córgomo cunha escultura de Florencio Delgado Gurriarán obra de Anxo Baranga. Foto cedida.

Jorge Moral atópase de Erasmus en Utrecht e desexa que o podcast contribúa a crear un discurso colectivo sobre Florencio Delgado Gurriarán. En palabras del, "hai bastante investigación formal sobre o autor pero falta divulgación, facer a súa obra e traxectoria máis accesibles, sobre todo para a xente nova, afeita a que se nos conte a cultura cuns códigos que non son os nosos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta