Ourense será o escenario para unha película de terror coa Igrexa como pano de fondo

'13 exorcismos' correrá ao cargo de Mr fields & Friends, Bambú Producións e AtresMedia Cinema. Tamén contará co apoio da Deputación de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A cidade de Ourense foi o escenario escollido para rodar '13 exorcismos', unha nova produción audiovisual de Mr fields & Friends, Bambú Producións e AtresMedia Cinema, que se gravará durante este ano e que conta ademais coa colaboración da Deputación de Ourense.

Parte do equipo do proxecto, entre eles o produtor e guionista, Ramón Campos; a xefa de produción de Mr Fields & Friends, Irene Mejías; e a directora de produción da película, Tamara Soto, reuníronse este sábado co presidente da institución provincial, Manuel Baltar; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

'13 Exorcismos' narra o último caso de exorcismo documentado en España a través da historia dunha adolescente "con estraños comportamentos". A súa familia, extremadamente católica, recorrerá a un dos especialistas autorizados polo Vaticano para intervir en casos de posesión do diaño. A película diríxea o Jacobo Martínez, director novel.

"É unha gran noticia dentro da nosa estratexia para converter a provincia nun gran estudo audiovisual", asegurou Baltar, que lembrou que, tras o anuncio da rodaxe da nova cinta de Jaime Chávarri, 'A mazá de ouro', "esta é a segunda longametraxe que confirma en 2022 a súa rodaxe íntegra en territorio provincial e, por tanto, esta proximidade que deu a chegada do AVE, tamén inflúe e influirá no futuro dentro da aposta pola produción audiovisual que a Deputación arrincou hai anos, organizando en solitario o Festival de cinema".

"Na última década fomos capaces de atraer tantas rodaxes como nos trinta anos anteriores. E así se puxo de manifesto na exposición da anterior edición do OUFF que se exhibiu no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Todas estas cifras indican que imos na boa dirección", sinalou. Ramón Campos, pola súa banda, agradeceu a "receptividade" do presidente provincial a un proxecto que ten en Ourense "o escenario perfecto, que nos vai a axudar a darlle veracidade á historia que queremos contar, cunha capital que conserva o misterio que moi poucas cidades souberon gardar". Nesta liña remarcou ademais que a súa zona vella ou as súas edificacións de época "son o mellor lugar para entrar en contacto coa tradición galega, as súas lendas e maxia".

Parte do equipo tamén foi recibido polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no Concello, onde lles trasladou o seu apoio e garantiu a súa "colaboración institucional" nunha iniciativa, "que converterá a cidade en escenario de cinema do máis alto nivel e contribuirá a visualizar e dar a coñecer a cidade entre un público masivo".

Vista frontal da ponte romana de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo
Vista frontal da ponte romana de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta